A Diocese de Santiago pon en marcha un buscador de Parroquias

Coincidindo coa celebración do Día da Igrexa Diocesana, a Diocese de Santiago de Compostela pon en marcha un novo espazo web relacionado coas Parroquias: webParroquias. Trátase dunha plataforma moderna que nos vai permitir buscar información detallada de todos os centros de culto.

Entre as principais funcións destaca a posibilidade de extraer unha listaxe das Parroquias por Vigairías e Arciprestados; pero tamén teñen un buscador potente que vai permitir listar por Parroquia ou mesmo por calquera dato asociado a ela: nome do sacerdote, teléfono, municipio, código postal, etc.

Ademais, unha vez que se accede a unha entrada dunha Parroquia, aparecen os datos que son públicos: foto da igrexa, sacerdote(s), teléfono, dirección postal, municipio, páxina web, correo electrónico, horarios de misa, etc.

O máis destacado é que cada parroquia está xeolocalizada, o que significa que aparece nun mapa o lugar exacto onde está situada, o que permite mesmo facer unha visita virtual pola zona…

Así mesmo, se se fai unha procura máis detallada, pódese consultar no mapa que distancia hai entre os distintos lugares de culto, como chegar á Parroquia en cuestión, visión mapa ou visión satélite, etc.

Tamén existe a posibilidade de buscar as Parroquias nun radio de determinados quilómetros desde o punto no que se atope o interesado (por se quere asistir a misa a unha hora concreta, por exemplo).

Ten un formulario específico de actualización de datos parroquiais que todas as persoas poden usar para actualizar os datos existentes ou engadir máis información, como fotos da Parroquia, horarios, datos de contacto, etc.

A dirección desta plataforma é parroquias.archicompostela.es, un espazo web que pon a tecnoloxía ao servizo dos fregueses.

 

Versión en castelán