A EDAP ofrecerá online, a partir deste venres, os temas formativos que non se impartiron presencialmente

Nunha carta dirixida aos participantes da Escola Diocesana de Axentes de Pastoral (EDAP), o bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández González, lembra que debido á situación provocada pola pandemia do coronavirus e a imposición do estado de alarma, algunha parte dos contidos non se puideron impartir presencialmente. “Faltan por impartir”, indica o bispo auxiliar, “catro temas dos doce previstos. A posibilidade do teletraballo, apenas descuberta ata o de agora no terreo pastoral, permítenos ofrecelos a través da plataforma dixital da Arquidiocese de Santiago (archicompostela.es), á que se poderá acceder tamén desde a web da EDAP (edap.archicompostela.es). En concreto, os próximos venres do mes de maio (días 8, 15, 22 e 29), ás sete da tarde, colgaranse nestes dominios un vídeo/audio do predicador que corresponda e os outros nove correspondentes ás nove materias de formación. Ademais, vai dar a posibilidade de chatear co animador que deu o tema para presentarlle dúbidas, etc”.

Este é o texto íntegro da carta que monseñor Fernández dirixe aos participantes da EDAP:

 

Queridos irmáns no Señor:

Hai xa máis de mes e medio que a desgrazada pandemia do coronavirus nos ten confinados á maioría nas nosas casas e paralizou tamén o normal desenvolvemento da EDAP. En todo este tempo, con todo, aprendemos moitas cousas, sentimos outras; rezamos, soñamos, vivimos… “Aos que aman a Deus, todo lles serve para o ben” (Rm 8, 28), di acertadamente o Apóstolo S. Paulo.

Cando toda esta crise se iniciou, déranse xa en case todos os Centros os dous terzos do programa 2019-2020. Consecuentemente, na maior parte, faltan por impartir catro temas dos doce previstos. A posibilidade do teletraballo, apenas descuberta ata o de agora no terreo pastoral, permítenos ofrecelos a través da plataforma dixital da Arquidiocese de Santiago (archicompostela.es), á que se poderá acceder tamén desde a web da EDAP (edap.archicompostela.es). En concreto, os próximos venres do mes de maio (días 8, 15, 22 e 29), ás sete da tarde, colgaranse nestes dominios un vídeo/audio do predicador que corresponda e os outros nove correspondentes ás nove materias de formación. Ademais, vai dar a posibilidade de chatear co animador que deu o tema para presentarlle dúbidas, etc. Posteriormente, responderavos.

Evidentemente, ao facelo desta forma, os predicadores e os animadores non serán necesariamente os mesmos que vos están servindo nos vosos respectivos Centros, pero isto non é obstáculo para que poidades gozar do seu bo facer. Agradecemos o seu servizo.

Mentres que o vídeo/audio da predicación será accesible a todos e non será preciso sortear ningunha barreira, pareceunos oportuno facilitar o acceso a cada materia, só aos que están inscritos nela. Para iso, haberán de utilizar unha clave única de acceso tanto cando se lles pregunte sobre o “usuario” como polo “contrasinal”. A palabra chave para cada liña formativa facilitaránvola os responsables do voso grupo particular.

Nunha Mensaxe dirixida aos participantes no Congreso de Laicos celebrado recentemente en Madrid, o Papa Francisco dicía: “A Palabra viva de Deus necesita ser predicada con paixón e alegría a través do testemuño cristián para poder derrubar ata os muros máis altos que illan e exclúen. É a hora de vostedes, de homes e mulleres comprometidos no mundo da cultura, da política, da industria… que co seu modo de vivir sexan capaces de levar a novidade e a ledicia do Evanxeo alá onde estean”. Estamos seguros de que estades a realizar esta marabillosa misión que o Señor encarga a todos os bautizados; esta pandemia está a demostrar ata que punto é decisiva. E tamén sabemos que, sen a formación permanente e integral que recibides a través de plataformas como a EDAP, esta misión faise imposible ou estéril.

En nome propio e no de Germán o noso Director, moitas grazas a todos polo voso testemuño. Que o Señor resucitado vos bendiga. Un saúdo fraterno.

+ Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago

Versión en castelán