A forza da aposta pola vida

  • Neste artigo de actualidade, mons. Barrio lembra unha vez máis, o compromiso da Igrexa cun futuro de esperanza para a humanidade, e a delicadeza dos discípulos de Cristo cos máis débiles e descartados:

A eutanasia e o suicidio asistido están a ser obxecto de campañas propagandísticas ao seu favor. Ante esta realidade que é unha “conxura contra a vida”, hai que lembrar que a Igrexa defende a vida desde a súa concepción ata a morte natural. Insístese por parte do maxisterio eclesial no respecto especial e na atención daqueles cuxa vida se atopa diminuída ou debilitada para que leven unha vida tan normal como sexa posible. “A vida é un valor sacro e intanxible”. Estamos chamados a acoller, protexer e acompañar a vida en calquera das súas etapas, e en calquera das súas circunstancias.

Só así poderemos ofrecer á nosa sociedade signos de esperanza “traballando para que aumenten a xustiza e a solidariedade e se afiance unha nova cultura da vida humana para a edificación dunha auténtica civilización da verdade e do amor”, como nos dicía San Xoán Paulo II.

Hai que amar, respectar e protexer sempre a dignidade dos enfermos incurables ou agonizantes, xa sexan nenos, novos, adultos ou anciáns. A eutanasia directa co fin de eliminar calquera dor é moralmente inaceptable. “Unha acción ou unha omisión que, de seu ou na intención, provoca a morte para suprimir a dor, constitúe un homicidio gravemente contrario á dignidade da persoa humana e ao respecto do Deus vivo e creador. O erro de xuízo no que se pode caer de boa fe non cambia a natureza deste acto homicida, que se ha de rexeitar e excluír sempre”, subliña  o Catecismo da Igrexa católica.

Necesitamos sacudir as nosas conciencias. Non podemos quedarnos impasibles ante unha cultura que frivoliza a realidade da vida. Ante o sufrimento insoportable a solución non é a eutanasia senón a atención axeitada, humana e profesional, e a este fin oriéntanse os coidados paliativos que non curan pero coidan. A piedade e o sentimentalismo falsamente entendidos non poden substituír os horrores doutros tempos, longamente lamentados. Trátase de poñer os medios necesarios para aliviar o sufrimento e suprimir a dor e non ao paciente. “A  verdadeira compaixón fai solidarios coa dor dos demais e non elimina a persoa cuxo sufrimento non se pode soportar”. Os ventos da cultura da morte traen sementes letais que se atopan un terreo fertilizado poden facer crecer o xoio, neste caso, da eutanasia entre o trigo que ha servirnos para facer o bo pan da cultura da vida. Sementar esperanza verdadeira, aliviar a soidade cunha compañía afectiva e efectiva, facerse cargo do enfermo: é a verdadeira compaixón.

Loxicamente, non se pode obviar o profundo dilema nin a propia dor de quen afronta a traxedia en carne propia ou na dalgún ser querido. Non se trata de xulgar nin culpabilizar como fríos espectadores. Pero a proposta de Xesucristo vai máis aló do sufrimento e da morte; a Igrexa estará sempre de parte da esperanza cristiá, que nos chama a construír un porvir onde nos coidemos uns a outros en todos os aspectos da vida: tanto nos detalles máis pequenos de agarimo, como nas situacións máis transcendentais.

Sería unha tristeza pensar nun horizonte para a humanidade de escuros nuboeiros onde gañasen terreo e o poboasen todo: o abandono, a separación, a pasividade; ceder ante o pesimismo; desertar, desatender, desaparecer, ausentarse; desanimarse, abaterse, renderse sen remedio…  O soño que vale a pena constrúese, probablemente, con outros verbos: acompañar, asistir, protexer, custodiar; reforzar, animar, aliviar, unir; aprender xuntos, solidarizarse, sacrificarse polos demais, esforzarse… Por aquí comeza a verdadeira cultura da vida na que todos caben, onde todos son valiosos.

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

Versión en castelán