A Igrexa diocesana celebra mañá sábado a Asemblea coa que se poñerá fin ao curso pastoral

  • A cita comeza ás 10:00 horas no Seminario Menor de Belvís

Mañá sábado día 9 de xuño terá lugar no Seminario Menor de Belvís a asemblea final de curso de todas as actividades pastorais levadas a cabo na Arquidiocese. Ao longo da xornada, desde as dez da mañá ata as cinco da tarde, haberá tempo para orar, para reflexionar, para o traballo en grupo, para a convivencia e para o compartir o xantar. A asemblea diocesana de fin de curso desenvolverase baixo o lema “Discípulos misioneiros de Cristo”. Estarán presentes no encontro o arcebispo, monseñor Julián Barrio, e o bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández González.

Nunha carta enviada a sacerdotes, diáconos, consagrados, laicos e axentes de pastoral, monseñor Fernández, que é o coordinador en toda a Diocese das tarefas pastorais, indicaba que “como Igrexa diocesana interésanos avaliar a consecución dos obxectivos propostos polo novo plan pastoral 2017-2020”.

“Interésanos tamén”, sinalaba o bispo auxiliar, “mirar xuntos o futuro”. Á cita no Seminario Menor de Belvís están convidados “todos os bautizados da nosa Diocese, pero especialmente os que colaboran na acción pastoral e os participantes na Escola Diocesana de Axentes de Pastoral (EDAP)”.

Versión en castelán