A igrexa diocesana conta desde este domingo con tres novos sacerdotes

  • Monseñor Julián Barrio ordenou os tres mozos nunha solemne cerimonia celebrada en San Martiño Pinario
  • “O ministerio sacerdotal non é un oficio ou unha obrigación, senón un don”, díxolles o arcebispo

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu este domingo a solemne Eucaristía na que foron ordenados sacerdotes os mozos Eduardo Amado Brea, Santiago Telmo Dopazo e Damián Vidal Bouzas. Na súa homilía, o arcebispo compostelán sinalou que “o sacerdote non se pertence a si mesmo, non vive para si mesmo e non busca o que é seu senón o que incumbe a Cristo. O ministerio sacerdotal non é un oficio ou unha obrigación, senón un don”. Monseñor Barrio comentou aos centos de asistentes á cerimonia que os candidatos ao sacerdocio é o Señor quen os “envía, indícalles que han de realizar a misión con humildade, espírito de pobreza, actitude pacífica e aceptación das persecucións”. “As súas vidas han de ser sobrias e han de estar sempre dispoñibles para a tarefa fundamental que é anunciar o seu Reino e desexar a paz. Han de levar o imprescindible onde non está prevista a tarxeta de crédito”, explicou o arcebispo compostelán.

A Misa tivo lugar na Igrexa do Mosteiro de San Martiño Pinario, debido ás obras que se están acometendo no interior da catedral compostelá. Tras a imposición de mans por parte  do arcebispo, os tres mozos foron ordenados sacerdotes e enviados a traballar ao servizo da Igrexa diocesana. Trátase de Eduardo Amado Brea, Santiago Telmo Dopazo e Damián Vidal Bouzas.

“Queridos candidatos”, tíñalles dito momentos antes da ordenación o arcebispo, “tendede sempre cara á santidade que “é o rostro máis belo da Igrexa”. A finura espiritual evitará que vos convertades en burócratas da pastoral. “Estades expostos ao zapping pero sede capaces de discernir para afirmar as vosas decisións”. Monseñor Barrio lembroulles que “ser sacerdote é xogarse a vida polo Señor e polos irmáns, levando en carne propia a alegría e as angustias do Pobo, investindo o tempo en escoitar para sandar as feridas dos demais”.

E aos asistentes á solemne cerimonia, o arcebispo pediulles: “queridos laicos e membros de vida consagrada, “sabede agradecer a Deus, e sobre todo estade próximos aos vosos sacerdotes coa oración e co apoio, especialmente nas dificultades, para que sexan cada vez máis Pastores segundo ou corazón de Deus”.

Os novos sacerdotes

Eduardo Amado Brea, nacido en 1989, ten as súas orixes en Betanzos, aínda que reside na Coruña, onde realizou os estudos obrigatorios e é fregués da parroquia da nosa Señora de Fátima. Mentres dedicaba un ano para estudar e traballar en Inglaterra sentiu a chamada ao sacerdocio. Terminou os estudos superiores en Salamanca, unha Licenciatura en Dereito e un Máster en Estudos da Unión Europea. No ano 2013 ingresa no Seminario Maior Compostelán para iniciar a súa formación sacerdotal. Alí fixo o Bacharelato en Teoloxía e comezou estudos en Filosofía e Teoloxía Fundamental, á vez que é secretario do bispo auxiliar.

Santiago Telmo Dopazo naceu o 5 de febreiro de 1993, bautizado na parroquia de San Esteban de Noalla, pero trasladouse á parroquia de San Xoán de Meaño ao pouco tempo, onde viviu a infancia ata que ingresou no Seminario Menor de Santiago para realizar os estudos da ESO e o Bacharelato. Tras finalizar os estudos no Seminario Menor ingresou no Seminario Maior. Este último curso realizou as súas tarefas pastorais na parroquia de Santa Mariña de Cambados.

Damián Vidal Bouzas naceu o 14 de novembro de 1993, natural da parroquia de S. Pedro de Vilalonga, Concello de Sanxenxo, é o segundo de tres irmáns. Os seus pais e avoa, foron apoio incondicional na súa andaina, en especial a súa nai, a cal coidou moito a súa vocación. Comezou os seus estudos primarios no CEIP Cruceiro de Vilalonga. Posteriormente, realizou a ESO no colexio salesiano de Castrelo (Cambados), do que garda moi bo e inesquecible recordo, porque entre outras cousas, foi onde por primeira vez, sentiu a chamada do Señor cara ao sacerdocio. Logo, ingresou no Seminario Menor de Santiago de Compostela, onde realizou os estudos de Bacharelato en Humanidades. Seguidamente obtivo o Selectivo e finalmente ingresou no Seminario Maior Compostelán, onde realizou os seus estudos en Teoloxía. Este último ano, realizou as súas tarefas pastorais na parroquias de san Vicente, san Lourenzo e san Tomé de Nogueira (Meis).

 

Versión en castelán