A Igrexa diocesana en oración

Queridos diocesanos:

Nestes momentos de incerteza que estamos a vivir, quero facer unha chamada á esperanza que nos fai mirar con confianza ao futuro que sempre está en mans de Deus. Escribía san Xoán Paulo II: “No programa do Reino de Deus o sufrimento está presente no mundo para provocar amor, para facer nacer obras de amor ao próximo”.

A providencia de Deus non é allea a canto nos pasa. Como di o salmista “nas mans do Señor están os meus azares”. San Pablo escribiu aos romanos: “Sabemos que aos que aman a Deus todo sérvelles para o ben”. A serenidade, a responsabilidade e o espírito fraterno expresado na caridade axudarannos a superar esta crise na que nos vemos por causa do coronavirus que está a facer cambiar os nosos estilos de vida. É esperanzador pensar que “a luz do amor divino descansa precisamente sobre as persoas que sofren, nas que o esplendor da creación escureceuse exteriormente; porque elas de modo particular son semellantes a Cristo crucificado”. Nesta encrucillada en que temos o risco de infravalorar a condición humana pola fraxilidade que manifesta lembramos a grandeza do home. Traemos á nosa memoria as palabras do salmista: “¿Que é o home para que te acordes del, o ser humano para mirar por el? Fixéchelo pouco inferior aos anxos, coroáchelo de gloria e dignidade, décheslle o mando sobre as obras das túas mans. Todo o sometiches baixo os seus pés” (Ps 8).  Pero é posible que nos esconderamos de Deus. Sería esta a ocasión de responder á pregunta que nos fai como lle fixo a Adán: ¿Onde estás? Talvez estamos a pretender ser como Deus e en circunstancias como as que vivimos, descubramos a nosa nudez. Sería moi bo ir ao encontro de Deus que á hora da brisa  vén falar connosco no medio dos nosos abafos neste camiño cuaresmal.

A modernidade aliou ao individuo a un proceso produtivo á conta do proceso afectivo e do proceso espiritual, relegados estes a un segundo plano. Talvez podamos descubrir agora a posibilidade de novas presenzas e de relacións interpersoais. Pido a todos os diocesanos unirnos en oración de maneira especial nestes días, rezando xuntos o Santo Rosario ás oito da tarde desde os nosos fogares que agora máis que nunca han de redescubrirse como igrexa doméstica. Non podemos ser testemuñas mudas do sufrimento senón testemuñas de caridade, ofrecendo a nosa colaboración e vivindo en comuñón cos demais.

Que o Apóstolo Santiago e a nosa Nai a Virxe María acompáñennos. Unido en oración con todos vós, saúdovos con afecto e bendigo no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

Versión en castelán