O Nadal en Cáritas Diocesana de Santiago

  • O arcebispo presidiu a Eucaristía e encomiou o traballo dos axentes da institución

Con motivo das datas do Nadal e ante a chegada do novo ano os axentes de Cáritas Diocesana de Santiago de Composta celebraron unha xornada de confraternidade. Os actos contaron coa presenza  de monseñor Julián Barrio, arcebispo de Santiago, e iniciáronse cunha Eucaristía, que presidiu o prelado, na que concelebrou Jesús García Vázquez, delegado Episcopal.

Na súa intervención monseñor Barrio lembrou o traballo que fan voluntarios e técnicos de Cáritas a favor dos máis necesitados “aínda que vos pareza pouco sempre é moito cando se fai pensando sempre en axudar as persoas que chaman ás portas da Institución”.

Os máis vulnerables

Monseñor Barrio lembrou que debemos vivir o Nadal “coa inquietude e a preocupación de transmitir a tenrura e o amor de Deus”. Considera o arcebispo que as datas do Nadal serven “para acrecentar o noso trato cos demais e sobre todo cos máis vulnerables “.

Animou a voluntarios e técnicos a seguir traballando e felicitounos polo labor que levan a cabo e que parte das propias parroquias, á vez que lles pediu “ter unha actitude de confianza no Señor”. Constatou en que “na palabra do Señor temos que atopar os referentes a todos aqueles temas que non vemos”.

O director diocesano, José Anuncio Mouriño Rañó, agradeceu a presenza do arcebispo neste acto que “nos anima a seguir traballando para axudar as persoas que máis o necesitan”, sinalou.

A xornada de confraternidade dos axentes de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela,na que houbo felicitacións e entregas de distincións a técnicos da institución, concluíu cunha degustación de produtos do Nadal e compartindo proxectos, ilusións e iniciativas de fronte aos próximos anos pensando sempre nos máis desfavorecidos.

Versión en castelán