A Permanente de Cáritas diocesana analizou as actuacións polo coronavirus

  • O órgano executivo pasou revista aos traballos desenvolvidos en programas e centros

Os efectos ocasionados pola pandemia do coronavirus e as actuacións que se están levando a cabo, así como os proxectos de futuro, foron o eixo central da reunión da comisión Permanente de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, presidida por Jesús García Vázquez, delegado episcopal. A reunión levouse a cabo respectando as medidas sanitarias previstas para este tipo de encontros, segundo o decretado polos órganos sanitarios

O director diocesano José Anuncio Mouriño Rañó presentou un un amplo informe de actuacións levadas a cabo durante os meses do confinamento e desde a última permanente celebrada no pasado mes de marzo. Fixo especial fincapé nas persoas atendidas, as axudas prestadas, o investimento económico realizado e os traballos que levaron a cabo nos distintos departamentos e programas, destacando todo o relativo á atención practicada coas persoas sen fogar e o funcionamento durante a pandemia dun centro especial de acollida instalado no Seminario Menor de Santiago que estivo atendido por persoal de Cáritas integrado no programa Vieiro.

A secretaria, Xema Garrido foi a encargada de dar conta das decisións adoptadas polas distintas comisións de urxencia relacionadas fundamentalmente con temas de persoal e atención.

O asesor xurídico, Antonio González Cid, presentou unha serie de herdanzas recibidas nos últimos tempos e as xestións que levan a cabo para recibir este tipo de legados.

Por parte de Francisco Fernández Rodríguez, director de Cáritas Interparroquial de Arousa deu conta da inspección sanitaria levada cabo no centro de acollida da Casa de San Cibrán, e os traballos que levan a cabo nela.

A acollida

A responsable do departamento de atención primaria María Fe Rodríguez López, informou de que se estaba a piques de renovar as visitas e acompañamento por parte do equipo de voluntarios a través das dúas aulas permanentes, aos presos do cárcere de Teixeiro, unha vez superado este período de confinamento.

Íñigo Arranz Roia, responsable do programa de Persoas sen Fogar, falou das actuacións levadas a cabo nos albergues, vivendas de transición e vivendas para familia que ten en funcionamento a diocesana, indicando que se mantiña as determinacións sanitarias cos aforos ao cincuenta por cento das prazas existentes. Chegados a este punto a permanente analizou que se estaba intentando alcanzar un acordo co SERGAS para a realización dos PCR ás persoas que vaian ocupar prazas nos pisos de acollida e tamén se pretende para os que acudan aos albergues. Tomouse a decisión de seguir os contactos coas autoridades sanitarias. Constatou que en todos estes centros de aloxamento contábase con preto de 70 persoas en réxime de acollida.

Comunicación

O responsable de comunicación Javier García Sánchez, enumerou o traballo desenvolvido ao longo destes meses de confinamento. Indicou que se editaron dúas revistas especiais: unha relacionada cos traballos e actuacións motivadas pola pandemia do coronavirus, e a outra na que figuran os datos da Memoria 2019. En relación a esta memoria deuse conta de que se realizou unha rolda de prensa presencial respectando as medidas sanitarias e que se contou  coa asistencia de quince medios de comunicación. Sinalou que ao longo deste tempo foron atendidos un total de 35 medios informativos, que se elaboraron 22 reportaxes sobre o traballo desenvolvido e as liñas de actuación, que se fixeron doce programacións especiais sobre o coronavirus e Cáritas en radios e televisións, e que durante este tempo  xeráronse 52 noticias referidas á institución. Finalmente informou dos progresos e novidades interactivas na web de Cáritas relacionadas cos socios, o voluntariado e as doazóns. Sobre esta última, as doazóns, mencionou a entrada en funcionamento en colaboración con CaixaBank do sistema interactivo Bizum para facer doazóns económicas a través do teléfono móbil.

A directora de Cáritas Interparroquial de Pontevedra, Concepción Vázquez Val informou dos traballos que se están desenvolvendo para as obras de construción do novo albergue para persoas sen fogar, obradoiros e oficinas de atención a persoas vulnerables e sen recursos, así como dunha campaña de recollida de fondos económicos para a entidade

O director diocesano José Anuncio Mouriño Rañó encargouse de finalizar a quenda de intervencións presentando un informo das actuacións levadas a cabo nestes meses, anunciou a celebración do Consello Diocesano para os primeiros días do mes de outubro, e deu conta de varios asuntos relacionados con cáritas locais.

Versión en castelán