A Vicaría de Ensinanza pon en marcha unha páxina web e un espazo de recursos

A partir de hoxe, 4 de novembro, a Vicaría de Ensinanza da Arquidiocese de Santiago de Compostela pon á disposición do profesorado de Relixión, do alumnado e das familias unha nova páxina web totalmente remodelada non só en contidos, senón tamén en canto a deseño e funcionalidades, e un novo espazo de recursos educativos.

Páxina web

www.archicompostela.es/ensenanza/ é, en palabras do vicario de Ensino, Luís Otero Outes, «un espazo predominantemente informativo e funcional, desde o punto da formación relixiosa, e sobre todo un lugar de encontro de todos os axentes que compoñen a comunidade educativa».

Esta web adáptase aos terminais multiplataforma, facendo posible que calquera poida acceder á información desde o ordenador, desde a tablet ou smartphone. Entre as novidades da nova páxina web, cabe destacar a nova distribución de contidos para adaptarse aos estilos dos espazos web máis actuais. Desta forma, pódense atopar noticias destinadas ao profesorado ou ás familias, artigos de opinión, reportaxes temáticas, galerías multimedia, ligazóns de interese, etc. Doutra banda, mediante o uso das categorías e etiquetas vai proporcionar unha nova forma de clasificar e organizar todos os contidos, podendo mesmo ver as publicacións máis lidas, así como a posibilidade de que cada unha das noticias publicadas ten a nova funcionalidade de recomendala a través das redes sociais, facendo máis fácil a transmisión de información.

Con todo, a principal novidade a destacar é o tratamento dos datos estatísticos. Tradicionalmente a Vicaría de Ensinanza e o profesorado de Relixión comunicábanse mediante o correo postal á hora da información dos datos estatísticos. Agora, o profesorado de Relixión ten á súa disposición tres espazos («Datos persoais», «Datos estatísticos alumnado» e «Datos estatísticos horas») o que vai permitir, non só un aforro económico, senón a rapidez no tratamento dos resultados.

Espazo de Recursos

A outra gran novidade é o novo espazo virtual de recursos recursosaulareli.archicompostela.es/. Para Luís Otero Outes é «unha plataforma online complementaria á páxina web da Vicaría, que pretende recoller e presentar á comunidade escolar, de maneira ordenada e simple, unha gran cantidade de materiais e recursos educativos cristiáns, accesibles de modo gratuíto».

O obxectivo fundamental deste innovador espazo é ofrecer recursos temáticos claramente diferenciados, útiles e interesantes para os docentes, as familias e o alumnado. Desta forma, o profesorado de Relixión pode usar todos os recursos (vídeos, audios, xogos, actividades, etc.) nas súas clases e sen necesidade de instalar nada nos portátiles da aula. Doutra banda, o alumnado e as familias tamén poden volver utilizar estes recursos nas súas propias casas.

Este espazo virtual pretende ser tamén unha plataforma de aprendizaxe para o profesorado de Relixión xa que, ademais de poder utilizarse para a formación a distancia, é unha ferramenta importante para complementar as sesións formativas, así como difundir documentos e outros materiais de forma privada.

Tamén existe a posibilidade de que o profesorado traballe de forma colaborativa e privadamente para crear grupos de traballo, recursos, materiais, lugares de debate e redes sociais, etc.

Con estes dous novos espazos web, a Arquidiocese compostelá, segue apostando unha vez máis pola comunicación, a formación e as novas tecnoloxías aplicadas á Igrexa e á educación relixiosa escolar.

Versión en castelán