As Cáritas galegas reciben a Medalla do Parlamento de Galicia

  • Prémiase o labor social a favor dos máis necesitados
  • A entrega terá lugar nun solmene acto o venres día 6

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, impulsor da iniciativa, entregará no transcurso dun solemne acto que se celebrará o venres día 6, as medallas acreditativas da institución que este ano se concederon ás Cáritas Diocesanas galegas, Aldeas Infantís, e COGAMI, como recoñecemento ao traballo no campo da axuda social que levan a cabo as tres entidades.

A decisión foi adoptada pola Mesa da Cámara e publicouse no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia. Coa concesión das Medallas faise un recoñecemento público desde a primeira institución da Comunidade Autónoma ao labor das entidades e organizacións que traballan no ámbito social e prestan apoio ás persoas máis vulnerables. Ao acto de entrega das Medallas asistirán os presidentes das Cáritas Diocesanas, bispos titulares das cinco dioceses de Galicia. En nome de todos eles dirixirá unhas palabras o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio Barrio.

O bispo de Mondoñedo-Ferrol, bispo acompañante das Cáritas galegas, monseñor Luís Anxo das Heras, mostrou a súa satisfacción pola concesión das medallas do Parlamento de Galicia. Considera que “é un recoñecemento xusto dos representantes elixidos polas xentes ás que servimos como Cristo ensínanos e coas que peregrinamos loitando pola instauración do Reino de Deus e a súa xustiza”. O prelado constatou que o galardón “nos impulsa e compromete máis en cada diocese e en cada recuncho onde chega Cáritas, aínda que non o necesitásemos para seguir facéndoo como ata agora e procurar mellorar”.

Cáritas en Galicia

Cáritas Diocesanas de Galicia está integrada polas cinco Cáritas das dioceses de Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Lugo, Ourense e Mondoñedo-Ferrol. Cáritas desenvolve o seu traballo a través da súa rede parroquial, interparroquial, arciprestal e diocesana, cun labor de apoio a persoas e colectivos en situación de precariedade ou exclusión social. A axuda de Cáritas chega a familias desestructuradas, parados de longa duración, inmigrantes, drogodependentes, persoas enfermas ou con discapacidade, persoas sen recursos ou sen teito, entre outros colectivos. En Galicia, Cáritas presta servizos como: atención primaria, comedor social, repartición de alimentos, orientación familiar, atención a alcohólicos e drogodependentes, roupeiro, tenda solidaria, pisos de acollida temporal, programas de vivenda, formación e bolsa de emprego.

Cáritas conta en Galicia con 462 puntos de atención nos que traballan ao redor de 220 técnicos contratados e 4.800 voluntarios que cada ano prestan axuda a milleiros de persoas.

Versión en castelán