As XVIII Xornadas de Teoloxía do ITC dedicaranse a “A Reforma e as reformas na Igrexa”

“A Reforma e as reformas na Igrexa”. Este será o lema das XVIII Xornadas de Teoloxía que organiza o Instituto Teolóxico Compostelán (ITC) para principios do próximo mes de setembro. O encontro, que adoita “abrir” o curso académico, desenvolverase ao longo dos días 6, 7 e 8 de setembro no salón de actos do ITC. Tres serán os eixos das distintas intervencións: “A reforma protestante e os seus protagonistas”, “A Reforma. Algúns retos doutrinais e eclesiais” e “Ecclesia sempre reformanda. As reformas do papa Francisco”.

Como é habitual, as xornadas serán inauguradas polo arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio, quen pronunciará a lección de apertura sobre “A peregrinación como espazo interreligioso”. Estará acompañado polo director do ITC, Segundo Pérez López. Na xornada inaugural intervirá, tras a presentación das xornadas a cargo de Benito Méndez, o xesuíta Fernando García de Cortázar, así como o bispo de Almería, monseñor Adolfo González Montes.

Na segunda xornada un dos conferenciantes será o bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos Montanet. Nesa mesma xornada falarase sobre “O protestantismo en Galicia. O onte e o hoxe” e o arcebispo secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e as Sociedades de Vida Apostólica, monseñor frei José Rodríguez Carballo, falará sobre “Criterios e obxectivos da reforma da Curia romana”.

Os participantes nas xornadas recibirán un diploma acreditativo, que servirá para obter a homologación que corresponda. O prazo de inscrición é do 4 de xullo ao 5 de setembro. A comisión organizadora das xornadas está integrada por José Antonio Castro Lodeiro, vicedirector; Benito Méndez Fernández, coordinador; e o alumno Santiago Telmo Dopazo, colaborador.

Versión en castelán