Os Presidentes das Conferencias Episcopais Europeas reflexionan sobre os signos de esperanza para a Igrexa

Segunda xornada da Asemblea Plenaria do Consello dos Presidentes das Conferencias Episcopais de Europa en Santiago. A sede dos traballos foi a Hospedería de San Martiño Pinario. Ao rematar as sesións da mañá, monseñor Stanislaw Gadecki, vicepresidente do Consello de Conferencias Episcopais de Europa (CCEE), informou sobre o desenvolvemento dos traballos. A intervención da filósofa francesa, historiadora, política e novelista, Chantal Delsol, quen falou sobre “Catolicismo despois da Cristiandade”, serviu para alentar unha reflexión en catro grupos de traballo. Neles, os membros do Consello de Conferencias Episcopais de Europa identificaron os signos de esperanza que a Iglesia atopa no momento presente.

Segundo sinalou monseñor Gadecki, o primeiro signo de esperanza nace da constatación da pervivencia da fe a pesar dos cambios de paradigma, algo que xa se apuntaba na exhortación “Ecclesia in” Europa do papa San Xoán Paulo II. Tamén son signos de esperanza, en palabras do vicepresidente do CCEE, a liberdade de elección nos países do Leste tras a caída dos réximes comunistas, que permitiu descubrir o seu universo relixioso; así como a primacía da evanxelización como mandato ao servizo da caridade.

Monseñor Gadecki indicou, tamén, que a maior participación dos laicos en tarefas de evanxelización e a cada vez máis abundante presenza da muller nesas tarefas son outros tantos signos de esperanza. Como os inmigrantes, cuxa presenza alonga o horizonte da presenza da Igrexa, debido a que enriquecen a nosa realidade coa súa propia cultura e a súa relixión.

O prelado destacou, igualmente, a importancia da figura do propio papa Francisco, que “nos ensina a ser pastores” con caridade misericordiosa para “axeonllarse ante os feridos da sociedade actual”. E aludiu, por outra banda, ao papel da familia, unha institución moi atacada e á que mesmo se intenta destruír, pero que se constitúe para os cristiáns como un valor esencial para preservar a súa fe, así como á transcendencia da educación nas escolas católicas e a presenza da Igrexa nos medios, apostando por crear medios de comunicación católicos fortes. Monseñor Gadecki non esqueceu mencionar os abusos a menores e dixo que a Igrexa debe preservar sobre todo o ben dos nenos, loitando contra os abusos sen ningún temor. O vicepresidente do CCEE sinalou, igualmente, que o fortalecemento do ecumenismo está a permitir saír á Igrexa da súa autorreferencialidade e estar en contacto coa sociedade.

Ser peregrinos

Os participantes no encontro convertéronse pola tarde en peregrinos, pois tiveron a oportunidade de camiñar ata a tumba do Apóstolo Santiago desde o Monte do Gozo. Entraron na catedral e veneraron a tumba apostólica para posteriormente rezar Vésperas na Igrexa de san Francisco e visitar o Pórtico da Gloria e o museo da catedral.

Versión en castelán