Mañá sábado día 6 de xullo, reunión do equipo de Pastoral Familiar na Casa Diocesana de Exercicios

Este sábado día 6 de xullo volverá reunirse na Casa Diocesana de Exercicios o equipo de Pastoral Familiar promovido polo bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández González, así como pola Delegación de Pastoral Familiar. No encontro avanzarase nos traballos de preparación dun gran acto para as familias que vai ter lugar en Santiago, no Seminario Menor, o próximo día 21 de setembro. Dirixido a noivos, parellas recentemente casadas, así como pais e nais de familia, os seus fillos, e os avós, este encontro terá como obxectivo principal festexar con gozo e alegría esta chamada e vocación ao amor humano que se concreta nas familias cristiás.

Na anterior reunión de traballo que se celebrou no pasado mes de maio, e que presidiu monseñor Jesús Fernández González, estiveron presentes os responsables da Delegación de Pastoral Familiar, Felisa Mozo e Jesús Calzada, así como os matrimonios que representan no equipo ás tres vigairías territoriais: A Coruña, Santiago e Pontevedra, membros ademais de Equipos da nosa Señora e de Comunidade Caná.

O programa desa xornada do día 21 de setembro contará coa presenza do arcebispo, monseñor Julián Barrio, e a ela están convidadas todas as familias.

Desde o inicio do curso pastoral que agora finaliza, a Delegación de Pastoral Familiar puxo en marcha tres itinerarios: itinerario para noivos sen data concreta de voda, catequese prematrimoniales e acompañamento de parellas recentemente casadas.

Algunhas das propostas baralladas para seguir avanzando na Pastoral Familiar, neste compromiso da Igrexa por facer efectiva a Nova Evangelización no ámbito familiar, suxerían traballar en escolas de pais e en acompañamento a parellas en todo tipo de circunstancias.

Versión en castelán