Manuel Ferreiro: “se non existise o Seminario Menor, debería inventarse”

  • O reitor da institución diocesana fala sobre a VII Semana Cultural de San Rosendo e asegura que o balance destes anos “é francamente positivo”

Era o ano 2013. O Seminario Menor de Santiago estaba de aniversarios. Cumpríanse entón os sesenta anos da colocación da primeira pedra do Seminario da Asunción e con tal motivo os responsables desta institución diocesana decidiron celebrar a efemérides cunha “Semana Cultural de San Rosendo”. O vindeiro luns aquela iniciativa chegará á súa VII edición, dedicada especialmente ao Pórtico da Gloria e cunha xornada de visita a Celanova. “A verdade é que a primeira edición saíu tan ben, que caemos na tentación de repetila”, asegura o reitor do Seminario Menor, Manuel Ferreiro, para quen “o balance de todos estes anos é francamente positivo”.
Ao longo deste período, lembra Manuel Ferreiro, foise pasando revista á historia do Seminario, falouse “ sobre o pasado, o presente e o futuro” da institución. “Repasamos a historia desta casa, da xente que pasou por aquí e dos acontecementos que se viviron”, comenta o reitor. Hoxe o Seminario Menor da Asunción é “un colexio que pretende formar como persoas aos alumnos, na súa dimensión humana e cristiá”, explica.
A restauración do Pórtico da Gloria ocupa nesta actual edición da Semana Cultural de San Rosendo unha atención destacada. “É verdade, o gran protagonista é o Pórtico da Gloria”, di Manuel Ferreiro, “e ten sentido porque é como volver ás nosas raíces; de feito eu acordábame moito estes días do discurso de San Xoán Paulo II en Compostela”.
A viaxe a Celanova do martes día 26 de febreiro e a conferencia de Anselmo López Carreira sobre “Ou reino de Galicia na Idade Media” son tamén momentos singulares, porque neles, segundo Ferreiro, profúndase na raíz cristiá da historia de Galicia.
A preparación da Semana Cultural de San Rosendo é complexa, pero “os alumnos están moi implicados, víveno como algo moi seu, dedícanlle tempo e esforzo”, comenta o reitor. En realidade é toda a comunidade educativa, desde os profesores ata o persoal de servizos, a que colabora con ilusión no desenvolvemento de todos os acontecementos da semana. “Hoxe, por exemplo”, indica Manuel Ferreiro, “sería difícil concibir unha Semana Cultural sen a representación teatral”.
Tamén as familias “víveno con especial interese, captaron o espírito do Seminario e experiméntano como algo que forma parte do plan educativo do Seminario”, apunta o reitor, quen engade que na Memoria anual “reflíctese, ás veces con sorpresa, a cantidade de cousas que levan a cabo no ano, como os encontros que organiza a Escola de Pais”.
A xuízo de Manuel Ferreiro, “se non existise o Seminario Menor, debería inventarse”. O seu reitor considera que os alumnos son, como dicía San Pablo, “a miña alegría e a miña coroa” e lembra que “por aquí pasaron xentes que agora son importantes en distintos ámbitos” e que algúns mozos, como eles mesmos recoñeceron, “se non pasasen polas nosas aulas estarían nas cunetas da vida”.
O reitor fala da excelencia académica no centro educativo: “a min paréceme que temos o mellor plan de formación educativa da nosa diocese”. E engade que, en proporción (aínda que o número de alumnos non é comparable) con décadas pasadas, o Seminario Menor “segue sendo sementeiro de vocacións sacerdotais”.
De fronte ao futuro, Manuel Ferreiro, sinala que “non debemos pecharnos sobre nós mesmos”, apuntando que se estuda, como posibilidade e proxecto, abrir as aulas a alumnas para que tamén reciban “esa formación en valores cristiáns e humanos, tan necesaria hoxe en día”.
Un pouco de historia
A historia do Seminario Menor da Asunción remóntase ao nomeamento de D. Fernando Quiroga Palacios como arcebispo de Santiago, o cal propuxo a restauración de San Martín e construír un Seminario Menor de nova planta. En 1953 D. Fernando é promovido ao cardenalato e, nese mesmo ano, iníciase a andaina do Seminario Menor da Asunción de Santiago de Compostela. O primeiro de marzo, festa de San Rosendo, glorioso prelado compostelán, colócase a primeira pedra do edificio. O 30 de setembro de 1955 termina a primeira fase das obras e ingresa a primeira promoción de alumnos en número de 224, co correspondente equipo de formadores. Monseñor José Cerviño foi nomeado primeiro reitor do Seminario. No curso 1956-57 son 1124 os alumnos matriculados. O 2 de outubro de 1957 bendixo o conxunto o Nuncio da súa Santidade, Monseñor Antoniutti, acompañado do Sr. Cardeal, de Monseñor Nóvoa Fonte, Bispo Auxiliar e das autoridades locais e provinciais. O 10 de setembro de 1958, día de san Pedro de Mezonzo, o entón Xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde, inaugura solemnemente o Seminario.
Desde 1968 os estudos realizados no Seminario Menor teñen a mesma validez que aqueles que se imparten nos Institutos de Ensino Secundario e Bacharelato existentes no Estado Español. O Seminario dedicouse á nosa Señora da Asunción porque, mentres se construía, tivo lugar a definición dogmática.

Versión en castelán