Máis de trescentas persoas confirmaron xa a súa participación na Cea Solidaria do Seminario Maior para os sen teito

  • Hoxe péchase o prazo para reservar a asistencia ao acontecemento deste venres día 1 de decembro na Hospedería de San Martiño Pinario

A organización da Cea Solidaria do Seminario Maior en favor das persoas sen teito indicou hoxe que máis de trescentas persoas xa confirmaron a súa asistencia a este acontecemento previsto para o vindeiro venres na Hospedería de San Martiño Pinario. É a sexta edición deste encontro que, coa mesma intensidade e ilusión que desde o comezo, prepara o Seminario Maior para recadar fondos dirixidos a atender a persoas sen teito, en estreita colaboración con Cáritas Diocesana. E a xulgar polas inscricións, a Cea Solidaria  consolidou a atención e o apoio de toda a sociedade compostelá. A Cea Solidaria terá lugar o día 1 de decembro. Antes da cea celebrarase unha Eucaristía na Capela do Seminario Maior, a partir das 20:00 horas. A cea no comedor da Hospedería San Martiño Pinario dará comezo ás 21:00 horas.

O Seminario Maior, urxido pola caridade cristiá, organiza esta cea como un acto de colaboración desinteresada con Cáritas Diocesana, dentro da súa campaña para atención das persoas sen fogar.

Poderase participar co simbólico importe de 15 euros, que será abonado o mesmo día no acceso aos actos pola entrada da Hospedería de San Martiño Pinario (Praza da Inmaculada). Hai tamén unha fila O para donativos: Abanca É 90-2080-0316-29-3040018072.

Versión en castelán