Mensaxe do Papa Francisco aos membros do Consello de Conferencias Episcopais de Europa: “en Santiago converxe todo o Continente”

  • Solemne apertura das sesións de traballo que se desenvolven por vez primeira en Santiago de Compostela

En Santiago, unha cidade do extremo oeste de Europa, converxe todo o Continente. Nela atópanse o centro e a periferia. É, por tanto, un lugar altamente simbólico para redescubrir a gran riqueza de Europa unida na súa tradición relixiosa e cultural, pero tan marcada polas múltiples peculiaridades que conforman a súa riqueza”. Así se expresaba o papa Francisco na mensaxe especialmente dedicada aos membros do Consello de Conferencias Episcopais de Europa (CCEE), cuxa Asemblea Plenaria iniciouse esta tarde nunha sesión solemne no Hostal dos Reis Católicos. Na súa mensaxe, o pontífice convidaba os prelados europeos a vivir “estes días como un camiño que tenda a ver os signos de esperanza que constelan Europa nos nosos días. Hai moitos deles, con frecuencia escondidos e a miúdo tendemos a non darnos conta. Vémolos a partir da preocupación de moitos dos nosos irmáns polos que sofren e teñen necesidades, especialmente os enfermos, os presos, os pobres, os migrantes e os refuxiados”.

O papa Francisco afirmou, ademais, que “os populismos que nos nosos tempos esténdense nútrense da procura constante de contrastes, que non abren o corazón, senón que o aprisionan entre muros de resentimentos sufocantes. En cambio, a caridade ábrese e fai respirar. Non enfronta ás persoas entre si, senón que ve as necesidades de cada un de nós reflectidas na “necesidade dos últimos”, porque todos somos un pouco indixentes, todos un pouco fráxiles, todos necesitados coidados”.

A mensaxe papal foi lida no acto inaugural deste encontro de presidentes de Conferencias Episcopais de Europa por monseñor Michael F. Crotty, da Nunciatura Apostólica en Madrid. Na sesión de apertura estaban presentes o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio; o cardeal presidente da Conferencia Episcopal Española, monseñor Ricardo Blázquez; o prefecto da Congregación para os Bispos, o cardeal Marc Ouellet; así como o presidente do Consello de Conferencias Episcopais de Europa, o cardeal italiano Angelo Bagnasco. Asistiron, ademais, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo.

“Anhelabamos este acontecemento”

O presidente da Conferencia Episcopal Española, o cardeal Ricardo Blázquez, que foi bispo auxiliar de Santiago, afirmou na súa intervención no acto de apertura que “desde hai tempo anhelabamos este acontecemento”. Monseñor Blázquez lembrou que Compostela configúrase a través da presenza da tumba do apóstolo Santiago; aludiu á perdonanza da peregrinación e destacou que Europa constituíuse a través do Camiño.

Pola súa banda, o cardeal Marc Ouellet, prefecto da Congregación para os Bispos, aludiu ao lema do encontro (“Europa, ¿hora de espertar? Os signos da esperanza”) para destacar que a crise que vive o continente, cualificada polo papa Francisco de grave, só poderá superarse a través do redescubrimiento das súas raíces cristiás. O purpurado aludiu aos discursos europeístas de Bieito XVI, encomiando a síntese de Biblia e pensamento grego, así como á aposta do papa Francisco pola Doutrina Social da Igrexa e o seu compromiso coa Casa Común, mediante a súa encíclica “LaudatoSi´”, para asegurar que neles debería sustentarse a esperanza para os mozos.

O conselleiro de Cultura, á súa vez, destacou nas súas palabras de benvida aos participantes do encontro, a importancia do Ano Santo Xacobeo de 2021, mentres que o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, fixo un repaso á historia da cidade, que naceu, indicou, dunha tumba sobre a que se construíu unha Igrexa en honra a Santiago. Bugallo lembrou que sentía orgulloso de estar presente nas visitas de San Xoán Paulo II e do papa emérito Bieito XVI a Compostela. O alcalde expresou, ademais, o seu desexo dunha próxima visita papal.

Satisfacción polo encontro 

Previamente á inauguración oficial, o cardeal Angelo Bagnasco, presidente do CCEE, expresara aos medios de comunicación a súa satisfacción polo encontro de Santiago, agradecendo a invitación de monseñor Julián Barrio. O cardeal asegurou que os traballos da asemblea centraríanse en recuperar a esperanza e a confianza nas raíces cristiás para unha Europa que vive grandes retos, como a inmigración ou os populismos. Monseñor Bagnasco manifestou que unicamente os valores do Evanxeo darán resposta adecuada a eses retos. “Acollida e integración”, palabras que utiliza o papa Francisco, dixo, haberán de ser os alicerces dunha política de inmigración propia de Europa, sen que ninguén saque “vantaxe” da situación das persoas que viven en dificultades.

Antes da Eucaristía que se celebrou na Igrexa de San Francisco, o cardeal Bagnasco pronunciou unha conferencia na que  indicou que “sabemos que, nas diferentes historias e tradicións, nos vellos e novos desafíos, hai elementos de esperanza: entre eles, os Santos dos nosos países son como fachos que animan o presente e anuncian o futuro. Son como avanzadas do mundo que vén, que xa está entre nós, aínda que ás veces o seu misterio pon a proba a fe e a perseveranza”.

O cardeal engadiu que “desde este santuario -rico en séculos e en fe – quixésemos dar unha mensaxe de esperanza a Europa en dificultade; desde aquí queremos lembrar que negar as orixes é a premisa do desconcerto persoal e social”.

Versión en castelán