Mensaxe para a Xornada do Domund 2020

“Aquí estou, mándame” (Is 6,8)

Queridos diocesanos:

Tras celebrar o pasado outubro o Mes Misioneiro Extraordinario convocado polo Papa Francisco para toda a Igrexa Universal, chegamos a esta nova Xornada do Domund co ánimo refrescado e a vocación misioneira presente e viva entre nós. Desde o último trimestre do pasado ano vimos orando, formándonos, recibindo de aquí e alá distintos testemuños que nos sobrecollen e intentando colaborar dunha e outra forma con esta Misión que é de todos porque é de Deus. Desde o día en que fomos bautizados somos Misión do Pai, mediante o Fillo coa forza do Espírito Santo. Bautizados e Enviados son dúas caras da mesma realidade. Non podo máis que mostrar o meu agradecemento a todas aquelas persoas que co seu interese e esforzo lémbrannos día a día que somos Iglesia porque temos unha Misión.

Aínda que é certo que estamos a vivir tempos de incerteza e dificultade poñemos os nosos ollos na Cruz vitoriosa de Cristo recoñecendo nela os crucificados dos nosos días. Miles de homes e mulleres que, ante unha pandemia mundial, non teñen a posibilidade de buscar forzas en Deus porque simplemente non tiveron oportunidade de coñecelo. Alí están, alí seguen,entre eles e con eles, miles de bautizados que encarnan plenamente nas súas vidas a Misión que constrúe á Igrexa. Eles son os misioneiros que, vangarda da Igrexa, sentiron no máis fondo do seu corazón a responsabilidade de compartir o seu Bautismo.

O lema proposto polo Santo Padre para a Xornada neste ano tan atípico é todo un desafío: “Aquí estou, envíame” (Is 6,8). En tempos de medo e desconcerto como os do mozo Isaías Deus non queda inmóbil nin mudo, senón que considera vital a súa Palabra que chamando envía, e fai nacer a esperanza para mirar con confianza o futuro, podendo dicir: “Santo, santo, santo é o Señor do universo, chea está a terra da súa gloria” (Is 6, 3).

Teñamos presente, nestes tempos máis ca nunca, o espírito valente de Pauline Jaricot, fundadora da Obra da Propagación da Fe, que será proximamente beatificada e que soubo ver no pequeno e débil a gran forza do Espírito que transforma o mundo e fai da creación fogar fraterno dos fillos de Deus. A colaboración nas distintas dimensións con aqueles que non recibiron aínda a Palabra non é mérito da nosa parte senón que, como ela mesma dicía,    “son eles os que nos fan a honra de aceptar a nosa axuda”.

Animo por tanto a toda a Diocese a que, desde a humildade, cooperemos mediante a nosa oración, sacrificio e esmola coas Obras Misionais Pontificias e cos miles de misioneiros que realizan o seu labor impagable de forma anónima tras esta institución. Digamos a unha voz como profetas do noso tempo “Aquí estou, envíame” e sexa a nosa vida oración que sostén nas dificultades, o noso sacrificio símbolo de fraternidade e solidariedade cos que están lonxe, e a nosa colaboración económica mostra palpable de que todos somos un en Cristo Redentor do mundo e da humanidade.

Que a Virxe María, Estrela da Evanxelización e leito da Palabra, sexa para nós modelo e exemplo de entrega e xenerosidade, e que o valor e ímpeto do noso Apóstolo e Misioneiro Santiago nos axuden a responder de modo exemplar a esta chamada que o Papa e a Igrexa nos fan a través das OMP.

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

 

 

+ Julián Barrio Barrio,

Arcebispo de Santiago de Compostela

 

Versión en castelán