Mensaxe pascual do arcebispo

Mensaxe de Pascua de Resurrección a todos os diocesanos e a quen nos visita nestes días

Moitas veces oímos dicir: “máis contento que unhas pascuas”. Non é para menos. Na Pascua Florida celebramos a Resurrección do Señor. É unha boa noticia que moitos atopen a Cristo como Pablo, no camiño de Damasco, e poidan dicir: “Para min a vida é Cristo e a morte unha ganancia” (Fil 1,21). Os cristiáns han de sentirse animados a anunciar a Cristo, fonte de verdadeira alegría, sendo testemuñas do amor de Deus: “Nisto coñecerán todos que sodes discípulos meus: se vos amades os uns aos outros” (Jn 13,35). “Cada domingo Cristo resucitado convócanos de novo como no Cenáculo, onde á tardiña do día primeiro da semana presentouse aos seus para exhalar sobre eles o don vivificante do Espírito e inicialos na gran aventura da Evangelización”, escribía san Xoán Paulo II.

A resurrección de Cristo non é algo do pasado, é unha forza viva que penetrou o mundo. “Onde parece que todo morreu, por todas partes volven aparecer os brotes da resurrección. É unha forza imparable. Verdade que moitas veces parece que Divos non existise: vemos inxustizas, maldades, indiferenzas e crueldades que non ceden. Pero tamén é certo que no medio da escuridade  sempre comeza a brotar algo novo, que tarde ou cedo produce un froito… Os valores tenden sempre a reaparecer de novas maneiras, e de feito o ser humano renaceu moitas veces do que parecía irreversible. Esa é a forza da resurrección e cada evanxelizador  é un instrumento dese dinamismo” (EG 276), escribe o papa Francisco.

¡Non sepultemos o Evanxeo da Resurrección debaixo de tantas escusas! ¡Anunciémolo a todos! É a misión que se nos encomenda na Pascua. Nin a tristeza, nin a amargura, nin moito menos a desesperanza teñen nada que ver con Cristo resucitado e con quen lle segue.

A todos deséxovos cordialmente a alegría incontido do encontro co Señor resucitado. ¡Feliz Pascua de Resurrección do Señor!

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela

 

Versión en castelán