Miguel López Varela: “todo o esforzo para levar a cabo esta cita merece a pena”

  • O responsable de Catequese da Arquidiocese valora a Asemblea de Catequistas que mañá se celebrará en Santiago

A un día da celebración da Asemblea de Catequistas, que se vai a levar a cabo mañá sábado día 9 de marzo, xa se inscribiron máis de trescentas persoas. O responsable de Catequese da Diocese, Miguel López Varela, sinala que posiblemente se supere a cifra de 450 asistentes a esta cita, na que tamén estará presente o arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio. “Todo o esforzo levado a cabo para celebrar esta cita”, asegura López Varela, “merece a pena por servir para que se atopen os catequistas da nosa diocese e para agradecerlles o traballo que realizan domingo tras domingo”. Para Miguel López Varela tamén resulta moi esperanzador o feito de que esta xornada sirva “para compartir experiencias que logo poidan levar ás súas respectivas parroquias”.

De momento, os inscritos por vigairías son: por Santiago, 104; pola Coruña, 75; e por Pontevedra, 151. As inscricións foron tramitadas por 59 párrocos que, como se sabe, adoitan ter ao seu cargo varias parroquias. Para o bo desenvolvemento da xornada contarase con 33 voluntarios, entre o equipo do Secretario de Catequese e distintos laicos. A parte musical correrá a cargo do Coro de Santa María do Porto, de Marín. Ao xantar de confraternidade xa confirmaron a súa asistencia 330 persoas.

Ao longo da xornada haberá unha homenaxe aos catequistas que cumpren este ano vodas de prata, ouro e platino na súa tarefa pastoral. Recibirán a homenaxe de prata, 42 catequistas; o de ouro, 10; e 4 o de platino. Do total deles, 30 son sacerdotes.

Ademais, haberá un total de 10 casetas no claustro de San Martín Pinario e celebraranse 9 talleres. A misa de clausura estará presidida polo arcebispo, monseñor Julián Barrio, e realizarase no convento das Benedictinas. O arcebispo presidirá, ademais, a homenaxe aos catequistas que recibirán o seu recoñecemento pastoral.

O encontro comezará no Auditorio Abanca (Rúa Preguntoiro, 23).  Alí celebrarase a acollida e o relatorio do franciscano Miguel da Mata. A continuación, os participantes trasladaranse ao convento das  Benedictinas, onde haberá unha celebración cargada de simbolismo. Terminada esta, poderanse  visitar as diferentes casetas que estarán instalados xa no Seminario Maior. En San Martín Pinario será o xantar e terán lugar os talleres. Estarán presentes Pastoral Xuvenil, Equipos da nosa Señora, o Centro de Orientación Familiar (COF), Catequese, o Centro de Escucha de Pontevedra ou o Equipo Diocesano de Godly Play, 5+1 da Coruña, ou a parroquia de San Fernando, entre outros.

O programa será o que segue:

09:30 Acollida e retirada de materiais (Abanca)

10:00 Saúdo inicial. Relatorio – coloquio (Abanca)

11:30 Descanso – café

12:00 Celebración (Benedictinas)

13:30 Visita ás casetas (Seminario Maior)

14:00 Comida (Seminario Maior)

15:30 Talleres (Seminario Maior)

17:00 Traslado e preparación da Eucaristía

17:30 Eucaristía de envío (Benedictinas)

18:30 Homenaxe aos Catequistas de vodas de prata, ouro e platino. (Benedictinas)

Versión en castelán