Mons. Barrio administra os sacramentos da Iniciación Cristiá a nenos e mozos acollidos

O arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio, administrou esta tarde os sacramentos de Iniciación Cristiá a nenos e mozos acollidos na casa que a Congregación de Relixiosas María Inmaculada ten na parroquia de Bañobre, no concello de Miño. En concreto, recibiron o bautismo un neno de 11 anos e unha adolescente de 15. Fixeron a súa primeira comuñón catro novos; un de 11 anos, dous de 15 e unha moza de 18 anos. Así mesmo mons. Barrio confirmou a seis novos. Son dúas mozas de 18 anos, outras dúas de 17 e dous mozos de 16 anos.

A casa de Bañobre acolle a mozas e adolescentes en situación de risco e excusión social, que por distintos motivos non poden residir coas súas familias. Na actualidade a gran maioría dos mozos acollidos son maiores de 14 anos, aínda que polo convenio asinado coa Xunta de Galicia na casa poderían ser acollidos nenos a partir de tres anos e ata os 18. Este tramo de idades é flexible e está sempre supeditado ao principio xeral de non separar a grupos de irmáns. No caso dos maiores de 18 anos poderían seguir no centro por prolongación de estudos e preparación para a vida adulta.

As irmás de María Inmaculada proporcionan a estes nenos e mozos unha atención individualizada, que parte das necesidades, expectativas e situación individual de cada persoa. Para realizar este labor se parte dunha vivencia da fe cristiá. De modo xeral, o traballo das irmás céntrase en preparar aos mozos para que, no momento que teñan que deixar o centro, poidan desenvolver a súa vida de maneira autónoma. Neste sentido, a atención integral é prioritaria. A preparación ha de ter como base unha educación en valores cristiáns, que lles permita un desenvolvemento cristián, humano e persoal que favoreza a adquisición de habilidades sociais, académicas e laborais que lles faciliten a inserción social.

Neste sentido, a acollida e o acompañamento que se realiza abarcan todos os ámbitos. As irmás consideran que o que dá máis valor ao seu traballo é converterse nun referente familiar para estes nenos e novos. É dicir, que o centro de Bañobre sexa o lugar ao que acudan no futuro, cando teñan unha vida autónoma, para as súas celebracións de familia e para recibir os sacramentos.

 

Foto de arquivo

Versión en castelán