Mons. Barrio: Carta aos Laicos Diocesanos

Carta aos Laicos Diocesanos

Queridos diocesanos:

Téñovos moi presentes no medio desta incerteza que vivimos, sendo necesario asomarnos á xanela da esperanza para acoller a vontade de Deus que sempre é o mellor aínda que ás veces humanamente non o entendamos. El non está ausente e segue actuando coa súa Providencia por camiños que posiblemente non son os que nós pretenderiamos. Sabe cando facerse presente e cando dar a impresión de que se retira para que non nos adhiramos a El desde os nosos plans interesados. É bo lembrar de onde vimos. O libro do Xénese dinos que fomos modelados do po do chan e do sopro do Señor (cf. Xene 2,7): se nos pechamos ao espírito só quedará a escuridade da terra sen forma. ¡Volvamos a Deus e revivirá o noso corazón! Di o papa Francisco: “Hai que temer unha fe que se cre  completa… As ideoloxías crecen cando un cre que ten a fe completa”. A confianza está en que ao final o Señor realizará sempre o milagre como o fixo na multiplicación delos pans, na curación do fillo do funcionario real en Cafarnaún, na tempestade acougada ou en tantas outras situacións.

Tamén esta dura realidade que estamos a afrontar, está a dar lugar a entrar dentro de nós mesmos e ver onde nos atopamos, xerando dunha maneira imprevista o volver a Deus de quen despois de facer o que humana e cientificamente estaba nas súas mans, comprobaron que o necesitaban e agora comezan a facerse preguntas cando dispoñen dun tempo libre no medio do traballo de salvar vidas, segundo o testemuño dun médico italiano. Algúns que non querían dar espazo a Deus na ciencia, hoxe confésanse crentes, orientados pola Palabra de Deus e o testemuño de persoas convencidas de que perder a vida polos demais é gañala. Percibimos a nosa nudez na pretensión de ser como Deus no coñecemento do ben e o mal, e de salvarnos confiando nas nosas forzas sen darnos conta que a salvación vén de Deus, sendo Cristo quen asumiu a obra de expiación, amounos e entregouse por nós (Gal 2,20). Non é bo escondernos de Deus que sempre vén ao noso encontro no medio dos nosos abafos e lévanos gravados na palma das súas mans (Is 49,16).

“Neste quedarnos na casa” para coidar a propia saúde e a dos demais, estou seguro que estades a botar en falta algo que ata o de agora tiñades, como así mo manifestastes non poucos: a celebración comunitaria da Eucaristía nunhas parroquias e comunidades chamadas a coidar relixiosa e espiritualmente aos que viven e acompañar aos que morren. A nosa preocupación non debe ser tanto o que non podemos facer canto fixarnos no que podemos facer. É momento para redescubrir o fogar como igrexa doméstica na que rezar xuntos, ler a Palabra de Deus, facer a catequese familiar, falar con acougo e mostrar que somos capaces de tenrura, unha actitude que se desexa sempre e que se obtén algunhas veces. Son sabedor dos problemas que internamente afectan a algunhas familias, pero dígovos que tamén desde unha vida con problemas  e  dificultades podemos chegar á fe e vivir o encontro con Deus. Talvez o Señor sitúenos na escuridade para que podamos apreciar o que é a luz. Están a ser días convulsos porque non nos faltan zozobras que nublan o noso horizonte.

É o momento de acompañar e sentirse acompañado. As epidemias non están feitas á medida do home, por tanto o home ás veces considéraas irreais, un mal soño que ten que pasar. Cóllennos sempre desprevidos. Rezo convosco e por vós. Co apóstolo Pablo dígovos: “Que a esperanza vos teña alegres, mantédevos firmes na tribulación, sede asiduos na oración, compartide as necesidades” (Rom 12,12). ¡Que o Apóstolo Santiago reanime a nosa esperanza! Encoméndovos á nosa Señora da Saúde.

Co meu afecto e bendición no Señor.

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

Versión en castelán