Mons. Barrio celebra os LX anos de Mans Unidas

O arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio, presidiu este domingo, na igrexa conventual dos franciscanos, a eucaristía con motivo dos LX anos de existencia de Mans Unidas. A ONG da Igrexa celebrou ao longo de toda a semana o seu aniversario e o lanzamento da súa nova campaña contra a fame nos países empobrecidos, e que este ano se vai a centrar dun modo preferente na promoción e defensa dos dereitos das mulleres.

Na súa homilía, o arcebispo lembrou o nacemento de Mans Unidas pola iniciativa dun grupo de mulleres de Acción Católica. Aquelas mulleres, dixo, “atoparon continuidade nas actuais voluntarias de Mans Unidas”. Agradeceu “o seu traballo, as súas obras e a súa entrega para que os máis necesitados entren nas vosas vidas, na comuñón xerada por Cristo”.

Facendo súas as cifras da institución da Igrexa, afirmou que “a fame é hoxe unha triste noticia. Máis de 800 millóns de persoas sofren fame e mil trescentos viven en situación de pobreza, sendo os protagonistas desta realidade as mulleres e os nenos”. Son imaxes, continuou o arcebispo, que nos feren profundamente, sobre todo as imaxes da fame e as que negan a dignidade da muller. Ante esta dura realidade, mons. Barrio pediu que “abramos o corazón e a mente. Habemos de colaborar ante o reto de acabar coa fame”. Asegurou que “facer desaparecer a fame no mundo é posible e depende da nosa fraternidade e a nosa solidariedade”. E lembrou que “o cristián sempre ten razóns para a esperanza, por iso denunciamos o que é inxusto”.

Da lectura da pasaxe evangélico da chamada dos primeiros discípulos (Lc 5, 1-11), extraeu a certeza da nosa absoluta indignidade ante Deus. Pero esa indignidade “non pode ser un pretexto. Habemos de dicir como Pedro, e como María: aquí estou, mándame”. Jesús encargoulle a Pedro a misión de ser pescador de homes. “E isto sen medo. Os “non temas” repítese constantemente na Sacra Escritura. E ante isto só cabe obedecer en silencio”. Habemos de facer como os apóstolos, que o deixaron todo e seguiron a Jesús ao instante.

Mons Barrio lembrou que somos cooperadores de Deus. Algo que non debemos esquecer porque nos axudará a comprometernos nunha distribución máis equitativa dos bens e a promover unha sociedade na que cada un sexa acollido e amado”. Finalmente recomendoulles aos voluntarios de Mans Unidas que non se limiten a cubrir as necesidades materiais. “Debedes darvos a vós mesmos para que o voso traballo sexa fecundo e vaia construíndo unha realidade cada vez máis humana e máis fraterna.

Versión en castelán