Mons. Barrio inaugurará unha nova sede de OMP na Coruña

Obras Misionales Pontificias da Coruña, institución presente na cidade desde hai varias décadas, inaugura nova sede este martes 16 de outubro. As instalacións sitúanse na Praza de Lugo 3 baixo. O arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio, presidirá a santa misa ás sete da tarde na igrexa de Santa Lucía e bendirá os novos locais. A continuación presentarase a campaña do DOMUND 2018, que este ano ten por lema “Cambia o mundo”.

O DOMUND é o domingo que a Igrexa católica dedica a promover o compromiso dos cristiáns para que o anuncio do Evanxeo chegue a todo o mundo, xunto coa promoción social que este leva. Así, a campaña deste ano achega datos estremecedores. Dous mil millóns de persoas viven con menos de dous dólares diarios. Dous mil millóns carecen de asistencia médica primaria. Mil millóns non teñen auga potable. Calcúlase que hai 850 millóns de analfabetos, dos que a gran maioría son mulleres. Dez millóns de nenos morren cada ano por enfermidades curables. Cen millóns de menores son explotados e obrigados a traballar, case sempre en actividades perigosas.

Na actualidade hai máis de doce mil misioneiros españois traballando en 132 países dos cinco continentes. Están presentes en máis de mil cen territorios de misión, nos que vive case a metade da poboación mundial. A recadación do DOMUND do ano pasado superou os once millóns de euros, que se investiron en 650 proxectos en 44 países.

Versión en castelán