Mons. Barrio insta a orar pola unidade dos cristiáns

O arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio, insta a todos os diocesanos a pedir pola ansiada unidade dos cristiáns con motivo de comezar este próximo venres día 18 a semana de oración por esta causa. Na súa carta pastoral mons. Barrio lembra a recente celebración en Compostela dos 25 anos de Fe “e Constitución”, unha reunión ecuménica que “inauguraba unha nova etapa do ecumenismo como “peregrinos” cara ao Reino de Deus, avanzando nunha mellor vivencia do Evanxeo por parte de cada Igrexa”.

Na súa carta o arcebispo destaca a circunstancia privilexiada de Compostela como meta de peregrinación para entender “a metáfora sobre o ecumenismo como unha peregrinación común polo Camiño da Unidade”. Tamén lembra que este ano o Consello Ecuménico das Igrexas e o Pontificio Consello para a Promoción da Unidade dos Cristiáns encargáronlle os materiais de oración a Igrexas e comunidades eclesiais da rexión de Indonesia. Outra feliz circunstancia para a Igrexa compostelá xa que “día a día, no noso Instituto Teolóxico, percibimos a proximidade de alumnos, relixiosos e sacerdotes, desas ou outras terras afastadas”.

Mons Barrio insiste en que o diálogo ecuménico é “un servizo a favor do pleno desenvolvemento do ser humano” e recupera as palabras do papa Francisco nas que afirma que “a credibilidade do anuncio cristián sería moito maior se os cristiáns superasen as súas divisións e a Igrexa realizase a plenitude de catolicidade que lle é propia”. Para alcanzar este obxectivo mons. Barrio pide que “perseveremos na oración pola unidade, atentos ás chamadas do Señor e convencidos da súa providencia”.

Os materiais elaborados para orar nesta semana pola unidade dos cristiáns pódense baixar desde esta ligazón da Conferencia Episcopal Española:

https://www.conferenciaepiscopal.es/wp-content/uploads/2018/12/2019_Unidade_Cristiáns_Materiais.pdf

Versión en castelán