Mons Barrio preside o rito de admisión de tres candidatos ao sacerdocio

O arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio, presidiu este martes 18 de decembro, a solemne eucaristía na que tres seminaristas iniciaron o camiño cara ao sacerdocio. Mateo Augado Domínguez, Ernesto Antonio Gómez Juanatey e Mario Agustín Pérez Moya, foron admitidos ás sacras ordes do Diaconado e Presbiterado nunha cerimonia á que tamén asistiu o bispo auxiliar, mons. Jesús Fernández.

O arcebispo comezou a súa homilía dando “grazas a deus porque a súa misericordia maniféstase na decisión xenerosa dos tres candidatos, que acollen a chamada ao ministerio sacerdotal ofrecendo a súa dispoñibilidade para ser enviados a predicar”. Insistiu varias veces mons. Barrio en pedirlle aos novos candidatos que non teñan medo pois “Deus dános en graza o que nos pide como misión”. Tamén lles pediu que vivan “con paixón a identidade cristiá” e que busquen a vontade de Deus sen conformismos. Afirmou que as cousas de Deus, máis que entendelas, hai que padecelas. Neste sentido, lembrando a san Juan da Cruz, dixo que é necesario entrar na sabedoría de Deus desde a espesura do padecer, e esa porta é a cruz. Un misterio que fai que o cristianismo sexa fácil de entender, pero non tan fácil de vivir.

Na súa reflexión sobre a lectura do Evanxeo de san Mateo (Mt 1, 18-25) na que se narra o nacemento de Jesús, mons. Barrio destacou a fe de san José, “exemplo de colaboración no itinerario da fe que debemos aceptar e percorrer para aceptar os plans de Deus. O plan de Deus é o que debe orientarnos sempre”. Concluíu o arcebispo repetíndolle aos tres candidatos ás sacras ordes que fosen valentes porque “é a fe, a esperanza e a confianza en Deus o que nos sostén. Habemos de amar a vontade de Deus como fixo Jesús”.

Versión en castelán