Mons. Barrio preside a conmemoración do centenario da Grande Obra de Atocha

O arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio, presidiu este sábado o centenario da colocación da primeira pedra da Grande Obra de Atocha no barrio coruñés do mesmo nome, que por aquel entón era unha zona marxinal da cidade.

O equipo directivo quixo celebrar estes primeiros cen anos citando a todos os alumnos e exalumnos, cos que se repasou a longa traxectoria dun centro que foi a orixe de todos os que posteriormente levantou o entusiasmo evanxelizador do Venerable Baltasar Pardal.

O acto central foi unha eucaristía presidida por mons. Barrio, que na súa homilía lembrou os inicios case heroicos desta emblemática institución, incluído o emotivo discurso que naquel afastado día pronunciaba a nena Carmen Gutiérrez, as dificultades e como “o soño se foi convertendo en realidade conxugando os esforzos persoais coa providencia divina”.

Mons Barrio destacou tamén que “coñecer a Deus é unir a fe coas obras”. Neste sentido, lembrou que a espiritualidade da Grande Obra non é un mero activismo naturalista. É preciso unir acción e oración. Por este motivo a obra do padre Pardal é un froito do amor e da misericordia, “amor de servizo humilde que coida dos pequenos e dos débiles. Amor de entrega de quen perde a súa vida ao servizo dos demais, sabendo que cada un de nós é o froito dun pensamento de Deus”.

Versión en castelán