Mons. Barrio preside a eucaristía do Pilar na Coruña

O arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio, presidiu este venres a solemne eucaristía da celebración da Virxe do Pilar, patroa da Garda Civil, na coruñesa parroquia da Milagrosa.

Na súa homilía mons. Barrio lembrou que “imitar a María é aprender a realizar con humildade o que Deus quere de nós. Ela díxolle Si a Deus e foi coherente. Exemplo para nós que tantas veces programamos a nosa vida á marxe de Deus, confiando na nosa autosuficiencia”.

Tamén encomiou o traballo da Garda Civil e afirmou que os seus membros traballan “por unha convivencia ética e moral durante o día e a noite, cunha entrega xenerosa e denodada ao ben común, tratando de salvagardar a dignidade da persoa en toda circunstancia”. Neste sentido destacou que a misión dos gardas civís é “vencer sempre o mal, lado escuro da vida, coa forza do ben, para configurar unha sociedade máis humana e fraterna na que a lóxica do poder ten que cambiarse pola do servizo, a da posesión pola do don, a do interese persoal pola da gratuidade”. O arcebispo compostelán pediu tamén a mediación da Virxe do Pilar para que fortaleza a nosa fe.

Versión en castelán