Mons. Barrio preside a festividade do Rosario na Coruña

O arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio, presidiu este domingo na igrexa dos Dominicos a solemne eucaristía pola festividade da Virxe do Rosario, patroa da cidade desde que se librou do asedio da frota de Francis Drake en maio de 1589.

Na súa homilía, o arcebispo compostelán fixo unha pechada defensa da familia, instituida polo mesmo Deus ao comezo da creación. De feito, afirmou que “o matrimonio é unha institución natural e relixiosa á vez que está marcada pola man do deus de Vida”. Deus quixo desde o principio que “o home e a muller, iguais en dignidade e dereitos,  convértense nunha soa carne corporalmente no matrimonio”.

Alertou mons. Barrio dos perigos que corre un matrimonio que, vítima da indiferenza, deixa de perdoarse e reconciliarse cando vive as inevitables diferenzas de criterio. Aí comeza, afirmou o arcebispo, “o divorcio non dos papeis senón do corazón”.

Na súa alegación a favor da familia, mons. Barrio lembrou a Chesterton, quen aseguraba que “quen fala contra a familia non saben o que fan porque non saben o que desfán”. Por último, pediu que “recemos o rosario, mirando a María, raíña da familia, e sabendo que onde non hai entrega polos demais xorden formas de prepotencia e submisión que impiden unha auténtica promoción humana integral que leva respectar a vida, preocuparse dos necesitados e de quen é vítimas de calquera tipo de violencia”.

Versión en castelán