Mons. Barrio preside a Festa da Translación

O arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio, presidiu un ano máis a tradicional festa da Translación do Apóstolo Santiago, que se celebra cada 30 de decembro na catedral compostelá. Trátase dunha tradición instaurada por Felipe V no ano 1646.

Na súa homilía, mons. Barrio lembrou que celebramos a translación dos restos do Apóstolo Santiago en Nadal, “lembrando que o Fillo de Deus feito home comparte co seu nacemento a nosa debilidade, funda a nosa esperanza, axúdanos a liberarnos da nosa soidade e convídanos a participar na súa vida divina ao asumir a nosa condición humana”.

Lembrou que a translación é “unha realidade que vivimos na admiración, no asombro e na loanza acollendo os plans da providencia de Deus na existencia”. Os cristiáns, dixo, “buscaron desde o primeiro momento guías seguros que, entregando a súa vida por Deus no martirio, lles garantisen chegar á meta”. O arcebispo recoñeceu que “tamén hoxe os cristiáns atopan dificultades á hora de manifestar a súa fe, a miúdo protestada e rexeitada”. Recollendo o maxisterio do concilio Vaticano II, asegurou que a pesar de todo, só se pode dicir que o home “vive na plenitude da verdade cando recoñece libremente ese amor e se confía de maneira total ao seu Creador… cando esquecemos ou marxinamos a Deus se obscurece o horizonte ético e moral, deixando espazo a unha concepción ambigua da nosa liberdade”.

Mirando ao Apóstolo, mons. Barrio insistiu en que o seu exemplo “nos anima a evanxelizar e a ofrecer a nosa experiencia cristiá presentando o amor de Deus neste proceso de neopaganismo que estamos a vivir no que moitas persoas buscan confusamente o sentido da vida nunha relixiosidade informe”.

Acabou a súa homilía pedindo polos gobernantes, as persoas necesitadas e polo pobo galego. Tamén para que a próxima Xornada Mundial da Mocidade sexa frutífera.

Este ano, como o pasado, a ofrenda foi realizada polo presidente do parlamento galego, Miguel Santalices que actuou como delegado do rei Felipe VI.

Versión en castelán