Mons. Barrio recibe ao rei Felipe VI na Catedral

O rei, Felipe VI, visitou esta mañá a catedral de Santiago para coñecer in situ o resultado da restauración da fachada e das torres do Obradoiro. O monarca percorreu as obras para comprobar a evolución dos traballos de rehabilitación, que está previsto finalicen antes do próximo Ano Santo de 2021.

O arcebispo de Santiago deulle a benvida a don Felipe, agradecéndolle a súa visita e o feito de que “quixese contemplar persoalmente as obras de restauración da Catedral compostelá”. Mons. Barrio estendeuse nas explicacións ao monarca e destacou sobre todo a importancia do proxecto restaurador, do que “unha parte da obra xa se realizou como é o Pórtico da Gloria, financiada pola Fundación Barrié, e –tal e como poderá admirar- a fachada do Obradoiro e a fase final da torre Sur que hoxe presentamos”.
O arcebispo compostelán lembrou que as obras foron posibles grazas ás achegas do Ministerio de Facenda. Diñeiro que foi xestionado a través do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, o Cabildo da Catedral e a Fundación Catedral de Santiago. Un acordo fundamental que permitiu as obras “nas cubertas da cabeceira da basílica, e as que están en fase de licitación: cubertas da nave principal e transepto, nos paramentos verticais do interior do templo, e no edificio claustral nas súas bandas Norte e Leste”

Mons. Barrio tamén informou a don Felipe dos proxectos inmediatos, as intervencións que, en fase final de proxecto, adxudicaranse no ano 2019 e que inclúen a “restauración das policromías da Capela Maior, baldaquino, capela do Cristo de Burgos…”. O arcebispo compostelán mostrou a súa esperanza en que “este ambicioso e complexo plan de actuacións poida estar concluído uns meses antes do comezo do Ano Santo Compostelán 2021. Se Deus quere, poderemos percibir entón en todo esplendor a beleza desta Catedral que se foi desgastando durante máis de oitocentos anos sendo un referente para Galicia, España, Europa e para os outros continentes, e acollendo e dando esperanza a tantos peregrinos ao dicir do poeta Dante”.

Cunha mensaxe de esperanza terminou mons. Barrio a súa explicación: “a esperanza fainos mirar con confianza ao futuro. ¡Moitas grazas Maxestade! ¡Divos axúdanos e o Señor Santiago!”.

A continuación o arquitecto responsable do Plan Director da catedral, Javier Alonso da Pena, explicou aspectos do proxecto de restauración antes de realizar un percorrido pola tribuna e cubertas da Catedral, para terminar no recentemente restaurado Pórtico da Gloria.

Versión en castelán