Mons. Jesús Fernández exhorta a participar na EDAP

O bispo auxiliar de Santiago anima a retomar con entusiasmo o traballo formativo aos catequistas que o pasado curso participaron no primeiro ano da Escola de Axentes de Pastoral. Con motivo do inicio do curso o pasado fin de semana, o bispo auxiliar de Santiago e responsable da EDAP, mons. Jesús Fernández, emitiu unha nota na que lembra a importancia que esta nova escola ten no proxecto pastoral global da diocese e na formación dos laicos que desexen comprometerse dun modo máis activo na vida da igrexa diocesana.

Organización

 A EDAP é unha única escola descentralizada, que contará con 22 centros de formación distribuídos por toda a xeografía da arquidiocese compostelá. Así, a Vigairía da Coruña conta con catro centros (A Coruña con dous, Pontedeume e Carballo), a de Santiago con doce (Santiago, Ribeira, A Estrada, Valadares, Cee, Noia, Serres, Arzúa, Arca, Galegos, Santa Comba e Padrón) e a Vigairía de Pontevedra seis (Pontevedra, Moaña, Caldas de Reis, Vilagarcía, Sanxenxo e Castrelo).

Na EDAP están matriculadas preto de mil cen persoas e para este curso están xa pre inscritas máis de setecentas, aínda que os responsables da escola esperan que o número de participantes sexa moi similar ao que comezou o ciclo o curso pasado.

Estrutura das sesións de traballo

O curso desenvólvese en dezaseis sesións. Dous son as Asembleas de comezo e final do curso (compartidas con outras persoas alleas á Escola), outras dúas dedícanse a senllos retiros (coincidindo cos tempos litúrxicos fortes de Advento e Coresma). Nas doce sesións restantes desenvólvese o contido formativo específico. Estes contidos responden aos distintos itinerarios previstos. Todas as sesións comezan con media hora de meditación sobre un texto evangélico dirixida por un predicador (normalmente un sacerdote). A continuación, e durante unha hora, o animador (normalmente un relixioso ou laico) ofrece un tema formativo.

Formación

O pasado curso a EDAP ofreceu unha formación xenérica. Este ano o temario ofrece algunha materia común, pero a maior carga recaerá nunha serie de itinerarios formativos que tentan dar resposta ás necesidades, intereses ou vocación específica dos participantes. Os catro primeiros temas, presentados este fin de semana, serán comúns a todos os itinerarios e refírense á identidade e ao papel do bautizado laico na Igrexa. A partir de aí, desenvólvense sete itinerarios diferentes que o participante vai poder elixir: liturxia, catequese, pastoral familiar, pastoral da saúde, voluntariado de Cáritas, Medios de Comunicación Social e un curso complementario.

A EDAP naceu como resposta ao mandato do Sínodo diocesano celebrado entre 2016-2017 que, na súa disposición nº 40 di: “Para realizar tarefas pastorais non basta a boa vontade, senón que é necesaria tamén unha firme identificación con Xesucristo e coa súa Igrexa, así como un adecuado coñecemento dos contidos da fe e das metodoloxías da comunicación. Establézase, por tanto, a nivel diocesano, unha escola de axentes de pastoral que facilite a formación precisa”.

A partir desta indicación, unha Comisión diocesana comezou a deseñar a súa estrutura e funcionamento aproveitando algunha experiencia pioneira xa existente. Mons. Jesús Fernández lembra na súa nota que o proxecto se puxo finalmente en marcha o curso pasado coa finalidade de axudar “aos cristiáns laicos a redescubrir a súa vocación bautismal, a profundar na súa condición de discípulos misioneiros, e a capacitarse para cooperar nunha pastoral diferenciada”.

Teoloxía da EDAP

Mons. Jesús Fernández destaca no seu escrito a importancia de que todo bautizado participe activamente da vida e da misión de Xesucristo porque “todo aquel que recibe o bautismo entra a formar parte da Igrexa e faise corresponsable da súa misión, que é a misión de Xesucristo, segundo o seu propio carisma e ministerio”.

Na súa nota insiste o bispo auxiliar de Santiago que todo cristián “debe ser membro activo do Pobo de Deus e participar, por tanto, da función profética, anunciando a Xesucristo e o seu Evanxeo; da misión sacerdotal, unindo a súa vida ao sacrificio do Señor e ao canto de encomio ao Pai, e da misión real, poñendo os seus dotes persoais e os seus propios recursos materiais ao servizo dos necesitados e do ben común e transformando o mundo segundo os plans de Deus”.

Continúa no seu escrito mons. Fernández lembrando que, “de acordo coa eclesiología do Concilio Vaticano II, a Igrexa é o Pobo de Deus no que hai diferentes carismas e ministerios. Nela, os pastores representan sacramentalmente a Xesucristo, Cabeza e Pastor, pero, superando calquera forma de clericalismo, han de potenciar a vida e o ministerio dos laicos. Hoxe, máis que nunca, podemos afirmar que a evangelización, sen a colaboración dos seglares, resulta imposible; e non só nin principalmente polo descenso do número de sacerdotes, senón sobre todo pola presenza dos laicos no corazón do mundo”.

Versión en castelán