Mons. Julián Barrio asiste ás xornadas de formación permanente do clero galego

O arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio, asistiu este luns no mosteiro de Poio á XXVI Semana de Formación do clero galego. Nestas xornadas, que reúnen a sacerdotes das cinco dioceses galegas, reflexiónase sobre a actividade pastoral dos presbíteros como homes que viven na fronteira.

Na súa intervención, mons. Barrio repasou as características que ha de ter un sacerdote na actual conxuntura. Así, lembrou aos asistentes que sen unha “formación intelectual rigorosa e actualizada dificilmente poderemos evangelizar nun mundo tan complexo e desafiante” como o actual. Pero tamén alertou da tentación do intelectualismo estéril, que busca profundar no coñecemento de Deus tan só para transmitir ese coñecemento. Dixo o arcebispo de Santiago que “esa actitude á hora de estudar e de formarse xerou un clero distante” que comparou cos fariseos denunciados por Jesús.

En sintonía co papa Francisco, mons. Barrio insistiu en que “o pobo de Deus necesita sacerdotes próximos porque “só escoitando e conmovéndose co corazón aberto poderán completar a súa capacitación”.

Na súa intervención, o arcebispo compostelán reivindicou o papel fundamental da familia. Neste sentido afirmou que é tarefa da Igrexa anunciar a mensaxe do valor do matrimonio e da familia. E isto porque “o futuro da humanidade fráguase na familia”. Nesta liña, mons Barrio reivindicou a importancia da comunidade cristiá ao afirmar que “é necesario e urxente no noso ministerio sacerdotal acompañar ás familias e sentirnos acompañados por elas”.

Nesta clara reivindicación da importancia fundamental da familia, mons. Barrio lembrou que ela educa nos valores fundamentais. Por iso “a familia, conforme ao plan de Deus, é escola de humanidade e de vida cristiá”.

As xornadas serán clausuradas mañá mércores polo bispo de Lugo, Alfonso Carrasco.

Versión en castelán