Mons. Julián Barrio presidirá o venres a eucaristía e a cea solidaria que organiza o Seminario Maior

O arcebispo compostelán, mons. Julián Barrio, presidirá o venres día 30 a eucaristía na capela do Seminario Maior previa á cea solidaria que desde fai sete anos organizan os seminaristas da diocese. O prazo para reservar a asistencia a esta cea solidaria péchase hoxe xoves. Na organización deste evento participan os 19 seminaristas que ten actualmente a institución diocesana que dirixe Carlos Álvarez. A día de hoxe apuntáronse case 300 persoas. O aforamento puiden chegar aos 340 comensais. Todos os alimentos foron doados por comercios e cadeas de alimentación de Santiago.

A recadación destinarase integramente, como nas edicións anteriores, á campaña de Cáritas a favor das persoas sen fogar. É unha das formas que ten o seminario de implicarse socialmente e exercer a misión caritativa que ten a Igrexa.

Os organizadores da cea idearon tres formas de colaborar. A primeira é asistindo á cea, cuxo custo é de 15 euros. Na mesma cea realízase un sorteo de obxectos que previamente foron doados por comercios de Santiago.  Tamén se pode colaborar a través da chamada “fila cero”. Esta modalidade está reservada para aquelas persoas que non poidan asistir a céaa pero queiran exercer a súa solidariedade con esta causa. A cea comezará ás nove da noite na hospedería de San Martín Pinario.

A cea non é a única actividade solidaria dos seminaristas composteláns. Desde hai anos participan no mes de xullo nun campo de traballo no barrio de san Pedro de Lima. O seminario tamén sostén dúas garderías na capital peruana.

Versión en castelán