Monseñor Barrio afirma que a Igrexa apoia o traballo dos Medios de Comunicación na súa procura da verdade

  • O arcebispo escribe unha carta  con ocasión da Xornada Mundial das Comunicacións Sociais, que este ano se dedica ás “fake news” ou “noticias falsas”

No “camiño de procura do humano na construción da verdade da comunicación, os editores, os profesionais e os traballadores dos medios contarán sempre co apoio e a gratitude da Igrexa, que quere seguir sendo mestra de humanidade”. Así o indica  o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, nunha carta pastoral para a Xornada Mundial das Comunicacións Sociais, que a Igrexa celebra o Domingo da Ascensión.

Na súa carta, o arcebispo sinala que o “interese pola comunicación vén sendo acreditado pola mensaxe que os papas dirixen aos profesionais dos medios na Xornada Mundial das Comunicacións Sociais, unha iniciativa que alcanza este ano a súa LII edición e que o papa Francisco quixo dedicar a un tema tan suxestivo como “Fake news e xornalismo de paz”. Sobre as “noticias falsas”, que son protagonistas nesta edición desta Xornada das Comunicacións Sociais, monseñor Barrio sinala que “este fenómeno da difusión masiva de noticias falsas converteuse non só nunha realidade nos medios de comunicación considerados clásicos ou tradicionais, prensa escrita, radio ou televisión, senón nunha clara ameaza nas novas canles de difusión propios das redes sociais”.

Monseñor Barrio explica que “hoxe, como onte, e como mañá, non hai nada máis liberador que falar da verdade das cousas, que anunciar a natureza propia de cada acontecemento informativo na súa xusta dimensión. Ao comunicar noticias, ao difundir ideas, ao entreter cos contidos dos medios, non se debe perder o horizonte da transcendencia e da dignidade da persoa. A comunicación non debe caer na tentación de converterse nun espectáculo”. E lembra que o papa Francisco asegura que “o mellor antídoto contra as falsidades non son as estratexias, senón as persoas”.

Versión en castelán