Monseñor Barrio agradece aos sacerdotes a súa “fidelidade”, o seu “espírito de sacrificio” e a “paciencia” con que asumen a súa misión

  • Na Misa Crismal, o arcebispo reflexiona sobre a “tristeza e dor que están a causar os abusos sexuais na Igrexa” e pide “denunciar radicalmente esta secuela”

A Igrexa de San Martín Pinario foi hoxe escenario da Misa Crismal, unha cerimonia presidida polo arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio, coa que se expresa a comuñón entre o pastor da Arquidiocese e os seus sacerdotes. Na súa homilía, monseñor Julián Barrio indicou que “é necesario reavivar a alegría da comuñón espiritual e pastoral, dando grazas ao Pai celestial pola súa providencia con esta Igrexa compostelá. É xusto que o bispo vos agradeza, queridos sacerdotes, a fidelidade, o espírito de sacrificio, e a paciencia con que asumides o ministerio sacerdotal a tempo e a destempo, buscando a fecundidade pastoral máis aló da eficiencia ou da eficacia”. Ademais, o arcebispo fixo unha reflexión sobre os abusos sexuais: “¡Que tristeza e dor están a causar os abusos sexuais na Igrexa que tanta perda de confianza xeraron, que “son pecado ante Deus, que fere profundamente á persoa e que contamina a vida eclesial”! Son unha manifestación do mal. Habemos de acrecentar a nosa purificación espiritual, denunciar radicalmente esta secuela, e á vez anunciar o evanxeo da alegría”.

Decenas de sacerdotes acompañaron esta mañá ao arcebispo de Santiago na Misa Crismal, unha cerimonia litúrxica na que se consagran o Santo Crisma e os Santos Óleos. A cerimonia, debido ás obras na Catedral, tivo lugar na Igrexa de San Martín Pinario. Co Santo Crisma consagrado polo Bispo nesta Eucaristía se ungen os recentemente bautizados, faise a unción aos que se confirman e se ungen as mans dos presbíteros na súa ordenación sacerdotal, a cabeza dos Bispos na súa ordenación episcopal e as igrexas e os altares na súa dedicación. Pola súa banda, co Óleo dos catecúmenos, estes prepáranse e dispoñen ao Bautismo, mentres que co Óleo dos enfermos, estes reciben o alivio na súa debilidade. A palabra crisma provén de latín “chrisma”, que significa unción. Na celebración estivo presente, tamén, o bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández González.

Á vez que o arcebispo deu as grazas a todos os sacerdotes diocesanos pola súa entrega, pediulles que intensificasen a súa dedicación á preparación pastoral do sacramento do Bautismo, así como á do sacramento da Reconciliación. “Moitas persoas”, dixo monseñor Barrio, “pídennos que nos sentemos nos confesonarios”.

O arcebispo fixo, igualmente, “unha chamada para vivir coa maior dignidade posible a relación coa Eucaristía que non é “un mero xesto cerimonial”, e coa distribución da Comuñón. A colaboración dos ministros extraordinarios han de coidarse con esmero”.

 

Versión en castelán