Monseñor Barrio agradece o carisma da Vida Consagrada e di que a súa vocación é un “don divino”

  • “Non é unha realidade illada e marxinal, senón que implica a toda a Igrexa”, afirma o arcebispo nunha Carta Pastoral

Na súa Carta Pastoral ante o Día da Vida Consagrada, que se celebrará o vindeiro domingo día 2 de xaneiro, monseñor Julián Barrio indica que esta vocación “non é unha realidade illada e marxinal senón que implica a toda a Igrexa” e afirma que “os diocesanos temos que vivir con fondura que “todo o referente á Vida Consagrada é unha cousa nosa, aféctanos, máis aínda, perténcenos”. Na súa carta aos membros de Vida Consagrada, o arcebispo compostelán sinala que este carisma é “un don divino que a Igrexa acolle e manteno con fidelidade”.

O arcebispo, ao lembrar o lema desta xornada, “A Vida Consagrada con María, esperanza dun mundo sufrinte”, manifesta que “nesta ocasión o referente é a Virxe María, esperanza nosa como a proclamamos no rezo de Salve, de maneira especial para tantas persoas feridas”. Monseñor Barrio indica que “a esperanza é inseparable do amor solidario. “Non se pode abrir o proceso da esperanza sen instituír ao mesmo tempo o do amor”, porque a fe funda a esperanza e o amor acrecéntaa. A esperanza convértese en fonte de amor e de servizo ao próximo como se mostra na vida de María”.

Monseñor Barrio asegura, ademais, que “sempre é mellor amar moito que razoar moito. A esperanza vén expresar na súa forma máis gráfica o estado do cristián e da Igrexa: estado de camiñante peregrino, e de pobo de Deus en marcha, que coñece a meta do seu camiñar, sen esquecer que aínda non a alcanzou. A Igrexa é unha comunidade de esperanza”.

Versión en castelán