Monseñor Barrio anima a cuantos se forman nos centros docentes diocesanos a vivir “con intensidade o voso estudo”

  • O arcebispo presidiu as celebracións en honra de San Tomé de Aquino

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, instou hoxe os seminaristas e demais alumnos dos centros docentes diocesanos a vivir “con intensidade o voso estudo”. Así o dixo na homilía da Eucaristía que presidiu na Capela do Seminario Maior na Festa de San Tomé de Aquino. Monseñor Barrio asegurou que San Tomé “coñecía o home do seu tempo e a súa cultura para encarnar a fe nela. Evanxelizar non consiste só en enviar a mensaxe senón en procurar que chegue e de aí a necesidade de coñecer o home no seu tempo”. Monseñor Barrio aludiu á vocación de servizo á Verdade de San Tomé de Aquino e lembrou o seu labor de teólogo. Ao termo da Santa Misa o profesor Ángel Luís Hueso Montón pronunciou unha conferencia sobre “Imaxes cinematográficas e vivencias relixiosas” na aula Magna do Instituto Teolóxico Compostelán (ITC).

“Serviu como teólogo a Deus, sendo  pobre coa pobreza de quen non posúe nada propio. O teólogo non pode falar de si mesmo: está obrigado a referirse a Deus, debido a que non constrúe unha casa como dono senón como fiel servidor”, explicou monseñor Barrio na súa homilía sobre o inmenso labor desenvolvido ao longo da súa vida por San Tomé de Aquino. O arcebispo indicou que “o fundamento do que quere servir é a pobreza pois coa mentalidade do rico é difícil ser servidor. Á hora de falar de Deus temos que sentirnos pobres. Así o comprendeu San Tomé. El foi consciente de que o traballo da teoloxía é un don de Deus; que para cumprir lealmente o servizo da Verdade estamos nunha irremediable e insuperable indixencia da axuda e da luz do Dono dos espíritos”.

O arcebispo aludiu á importancia da “fidelidade para non terxiversar nunca a Verdade, tendo un sentido moi preciso da preeminencia absoluta de Deus e elevando todo o máis alto o sentimento da racionalidade da fe e do misterio”.

Versión en castelán