Monseñor Barrio anima a participar nas celebracións da Semana pola Unidade dos Cristiáns

  • O arcebispo lembra que moitos peregrinos a Santiago non son católicos ou son doutras relixións e convida a acollelos “con toda solicitude”

“Na nosa diocese estamos a preparar xa a celebración do Ano Santo Compostelán 2021. Na acollida dos moitos peregrinos que chegan a Santiago percibimos que algúns son doutras relixións, ou que sendo cristiáns non son católicos. O lema deste Octavario lémbranos que temos que acollelos con toda solicitude, ofrecéndolles a nosa hospitalidade material e espiritual”. Así se expresa o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, na súa carta pastoral dedicada á preparación do Octavario de Oración pola Unidade dos Cristiáns 2020. O lema deste ano é “Tratáronnos cunha solicitude pouco común”. Na diocese compostelá as celebracións ecuménicas serán segundo o seguinte calendario:

Luns 20 de xaneiro, 20.30 h, en Santa María a Maior de Pontevedra.

Mércores 22 de xaneiro, 20.15 h, en santos Anxos da Coruña.

Venres 24 de xaneiro, 20.00 h. na igrexa de Orfas en Santiago.

Na súa carta pastoral, monseñor Barrio indica tamén que hai que dar grazas a Deus polos pasos dados na unidade dos cristiáns, á vez que anima a seguir “pedindo avanzar nese ecumenismo espiritual que, uníndonos na oración con aqueles dos que estamos distantes, nos fai camiñar por vías distintas pero cara a un Oriente común que é Cristo resucitado. Esta esperanza guíanos no noso peregrinar sosegado unhas veces e impaciente outras no compromiso ecuménico”.

O arcebispo sinala que “temos que avivar a esperanza, sabendo que chegará o momento en que nos reuniremos como irmáns reconciliados aos que Deus Pai sae ao encontro”

Versión en castelán