Monseñor Barrio aposta na presentación do Ano Santo 2021 por facer “unha lectura católica da peregrinación, do camiño e do xubileu”

  • Xunto á Carta Pastoral do arcebispo, presentáronse oficialmente o lema, o logo e o cartel da próxima cita xacobea

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, apostou este martes día 17 de decembro, na presentación do Ano Santo Compostelán 2021 por unha “lectura católica da peregrinación a Compostela, do Camiño de Santiago e do Xubileu”. No acto presentouse a Carta Pastoral do arcebispo, o lema do próximo Ano Xubilar, o logo e o cartel oficiais, así como unha nova páxina web. Na súa intervención ante os medios de comunicación, o arcebispo indicou que  “o Ano Compostelán ten primordialmente unha finalidade relixiosa. É un verdadeiro Ano de Graza no que por medio da conversión continua e a predicación asidua da Palabra de Deus, favorécense a fe e o testemuño dos cristiáns; pola oración e a caridade promóvese a santidade dos fieis; e pola esperanza nos bens futuros anímase a evanxelización continua da sociedade, o cal poida ser o gran froito espiritual e apostólico en consonancia coa rica tradición precedente”. Na presentación do Ano Santo participou tamén o bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández González, quen aludiu á Igrexa compostelá como “unha igrexa peregrina” e unha “igrexa albergue de campaña”.

Facendo alusión ao lema do Ano Santo, “Sae da túa terra”, que tamén se presentou hoxe, xunto co logo e o cartel oficiais, así como a nova páxina diocesana para o Ano Santo, monseñor Barrio convidou  a, como di o lema, saír da túa terra, isto é, da burbulla que nos illa do resto do mundo e nos volve autorreferenciais; da zona de confort da comodidade, do egoísmo e as inercias; das falsas seguridades que nos proporciona o noso pequeno mundo, onde non hai espazo para máis voces que a nosa e onde se conxura o risco de calquera cambio co pretexto de preservar a verdade”.

Monseñor Barrio indicou, tamén, en alusión aos contidos da súa Carta Pastoral, que tamén viu onte a luz, para que poida ser traballada no tempo que resta ata a chegada do Ano Xubilar: “Poñerse en camiño non é o mesmo que botar a andar. A idea do camiño encerra en si a noción dunha meta, dun proxecto, dun obxectivo. Camiñar non é o mesmo que pasear ou vagabundear. É verdade que moitas veces pode parecer que “a vida é o que nos ocorre mentres estamos ocupados facendo proxectos”. E a propia Escritura alértanos en varias ocasións contra a insubstancialidade dos pensamentos do home e a vaidade de todas as súas obras baixo o sol. Pero o cristián está convencido de que o seu proxecto non é un van pensamento humano, senón que é a propia meta a que lle sae ao encontro na persoa de Xesucristo, camiño, verdade e vida. Por ser El a verdade, é digno de fe e por ser El o camiño dá sentido á nosa esperanza”.

Pola súa banda, o responsable diocesano de Catequese, Miguel López Varela, comentou os significados do logo, do cartel e do lema. Explicou que nas actividades “que imos promover tratarase de que todos os nosos materiais formativos e as guías espirituais que imos editar teña algunha repercusión tanto dixital, en forma de apps ‘’, como virtual». Entre estas particularidades, Miguel López Varela subliñou que se buscará achegar o Camiño de Santiago ás persoas que non poidan percorrelo fisicamente para que «o poidan facer a través dos medios dixitais».

Mentres, a secretaria da Archicofradía do Apóstolo Santiago, Susana Ríos, aludiu ao papel que desempeña a Oficina de Acollida ao Peregrino e á programación cultural prevista. Destacou o concurso Internacional para a composición dunha misa para estrear o día de Santiago de 2021 e a composición musical a cargo de dous compositores galegos de recoñecido prestixio para acompañar aos actos litúrxicos de apertura e clausura da Porta Santa.

Ademais, Manuel Ángel García presentou os contidos da nova páxina web diocesana para o Ano Santo, indicando que será o referente para os contidos relacionados coa cita xacobea de 2021.

O arcebispo, preguntado polos medios sobre unha posible visita do papa Francisco a Santiago no marco das celebracións do Ano Santo indicou que «no que ao Arcebispado respecta, os deberes témolos feitos» e engadiu que a invitación xa realizada desde a Igrexa compostelá pode complementarse desde as institucións do Estado.

Carta Pastoral de mons. Julián Barrio

Logo do Ano Santo Compostelán

Cartel do Ano Santo Compostelán

Dossier informativo: explicacións do logo, lema e cartel

Web do Ano Santo Compostelán

Versión en castelán