Monseñor Barrio asegura, ante a Xornada das Persoas Sen Fogar, que os sen teito “non poidan quedar reducidos a unha sinxela anécdota”

  • O arcebispo lembra que o obxectivo é conseguir que “toda persoa viva con dignidade nun fogar propio, en paz e de maneira permanente”

O vindeiro domingo 25 de outubro será o Día das Persoas sen Fogar, enmarcado na Campaña Ninguén Sen Fogar, que acentúa as reivindicacións nesta frase: “E ti, que dis? Di basta. Ninguén Sen Fogar”. Ante esta xornada promovida por Cáritas, o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, sumouse a esta iniciativa cunha Carta Pastoral. “Cáritas”, apunta nela o arcebispo, “como  entidade da Igrexa católica, leva 28 anos facendo propia esta Campaña contando coa colaboración doutros colectivos e plataformas que traballan no campo do social, co obxectivo último de que toda persoa viva con dignidade nun fogar propio, en paz e de maneira permanente. Unha aposta que se fai efectiva, subliñando a centralidade absoluta das persoas en situación de sen fogar, e afirmando os seus dereitos de maneira global”. Para o arcebispo, “os sen fogar non poidan quedar reducidos a unha sinxela anécdota”.

Cáritas busca facer reflexionar a todos ante a situación das persoas sen fogar e das que se están vendo privadas del polos desafiuzamentos. O lema central da Campaña este ano reflicte a situación pola que pasa este colectivo: “Non ter casa mata. Os seus soños, as súas oportunidades, a súa confianza, a súa saúde… Os seus dereitos”. “Os sen fogar”, apunta monseñor Barrio na súa Carta Pastoral, “non poidan quedar reducidos a unha sinxela anécdota. Están na nosa órbita, non na lúa aínda que ás veces sexa a luz da lúa a que os acariñe entre os seus cartóns nas nosas rúas ou nos soportais. Esta Xornada busca remover as nosas conciencias e poñer sobre a mesa as reivindicacións destas persoas que precisan do noso apoio de forma particular, e das institucións e administracións competentes de forma xeral para solucionar este grave problema cuxa consecuencia é que a diario miles de persoas durmen á intemperie ou en lugares insalubres”, lembrando ademais o arcebispo que a situación puido agravarse coa pandemia do Covid 19.

Cáritas e o arcebispo lembran “as condicións de inseguridade e as dificultades para acceder ou manterse nunha vivenda xeran en moitos casos problemas de ansiedade, de angustia, e mesmo depresión”, tal e como o explica monseñor Barrio na súa carta. Nela recolle, tamén, o desexo de todas as entidades que colaboran nesta campaña de que se considere “urxente a anunciada lei estatal de garantía de acceso á vivenda, onde se inclúan todas as situacións de exclusión residencial/senfogarismo dentro dunha estratexia máis ampla de políticas públicas baseadas no dereito humano á vivenda”.

Monseñor Barrio comenta que “con demasiada frecuencia ás persoas sen teito considerámolas como algo marxinal na nosa sociedade, pensando mesmo que afean a estética da nosa convivencia, e sentindo sinxelamente pena. Temos que  miralas cos ollos do corazón, é dicir, con amor, sentíndonos todos amados por Deus”. Ademais, pide a todos “traballar na medida das nosas posibilidades pero sen aforrar esforzo, para que estas persoas poidan dispoñer dun fogar”.

Versión en castelán