Monseñor Barrio asegura que a Asunción de María é “como unha brisa de aire fresco para a nosa esperanza cristiá sufocada polos abafos terreos”

  • O arcebispo presidiu na Catedral esta Solemnidade mariana e dixo que a grandeza de Deus “nunca nos escraviza senón que nos libera das forzas do mal” e que “a existencia humana faise grande coa grandeza de Deus”

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu hoxe na Catedral, a celebración eucarística da solemnidade da Asunción de María aos Ceos. “Esta festa é como unha brisa de aire fresco para a nosa esperanza cristiá sufocada polos abafos terreos”, dixo o arcebispo na súa homilía. Nela, monseñor Barrio aludiu ao significado desta festa, na que se manifesta a grandeza de Deus con María, a nai do seu Fillo encarnado, e con toda a humanidade. “A grandeza de Deus” explicou, “fainos grandes a nós. Nunca nos escraviza senón que nos libera das forzas do mal e entón a existencia humana faise grande coa grandeza de Deus”.  O arcebispo asegurou que “excluír a Deus da nosa existencia, é ferir a dignidade da persoa humana. Sen a referencia a Deus, o home non pode responder os interrogantes fundamentais que axitan sempre o seu corazón con respecto ao sentido da súa existencia. Non cabe o pesimismo. A humanidade non está condenada á corrupción. Tampouco hai lugar para o orgullo da autosuficiencia pois para alcanzar a realización final dependemos de Deus”.

Ao resaltar a importancia desta solemnidade na historia da Salvación, monseñor Barrio sinalou que “María nos indica que con fe firme, humildade servizal e sinxeleza dispoñible temos que facer a nosa peregrinación. Ela viviu a experiencia de que Deus enxalza os humildes e derruba os soberbios e foi a chea de graza porque se baleirou de si mesma. É necesario que imitemos a súa docilidade e apertura a Deus”.

“Esta festa”, continuou o arcebispo, “infúndenos esperanza e optimismo na nosa vida porque o noso destino non é a morte, senón a vida. O que Deus fixo en María, farao en nós. Crémolo. Esperámolo. Desexámolo. A nosa historia terá un final feliz, a vida eterna”.

 

Versión en castelán