Monseñor Barrio asistiu á inauguración da Exposición sobre Gaudí e a Sagrada Familia en San Martín Pinario

A exposición Gaudí e a Sagrada Familia. Unha experiencia interior foi inaugurada na tarde de onte no Mosteiro de San Martín Pinario polo arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio; e o seu homólogo de Barcelona, o cardeal Juan José Omella; que estiveron acompañados polo bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e o reitor do Seminario Maior, Carlos Álvarez.

A mostra, que ten como eixo central a historia e arquitectura da Basílica da cidade condal, ofrece unha experiencia visual, sensorial e didáctica a través da cal o visitante poderá “coñecer máis en profundidade o significado da Sagrada Familia e a apaixonante historia que levou a Gaudí a deseñar a obra máis importante da súa vida”, sinalan desde a Basílica catalá, informou “O Correo Galego”.

Pola súa banda, “La Voz de Galicia” dixo: “Dúas imaxes das portas das fachadas do nacemento e da paixón da Sagrada Familia serven de punto de entrada á mostra sobre esta basílica barcelonesa que ata o próximo 30 de setembro pode visitarse no mosteiro de San Martín Pinario. Un percorrido non só pola historia da construción e os seus elementos arquitectónicos máis significativos, senón tamén centrada na figura de Antoni Gaudí.

A mostra está estruturada en tres partes e inclúe grandes fotografías, proxeccións audiovisuais e unha maqueta na que pode verse como será a basílica unha vez estea concluída no ano 2026. Unha vez o visitante cruza a porta coas imaxes de dúas das tres fachadas, achégase á obra de Gaudí, cos elementos da natureza que lle serviron como inspiración e algunha das obras máis significativas do arquitecto máis aló do templo. Tamén se pode apreciar a súa versatilidade en mobles deseñados por el. O seguinte bloque céntrase na propia historia da Sagrada Familia, co libreiro que promoveu inicialmente a súa construción ata o propio proceso de execución do proxecto, seguindo en todo momento o método gaudiano ao realizar todo a escala previamente.

A última parte da mostra ofrece ao visitante o interior da basílica, coa súa explosión de cor e onde poden apreciarse detalles deseñados polo arquitecto nos que a xeometría xoga un papel fundamental. Neste módulo final, tamén se exhibe unha maqueta de conxunto a escala no que se pode observar o templo tal e como quedará unha vez que no 2026 -coincidindo co centenario da morte de Gaudí- conclúan as obras do templo.

A exposición itinerante ten por obxectivo dar a coñecer a Sagrada Familia por toda España e para iso, segundo ha destaco Marta Otzet, directora de Márketing e Comunicación da basílica, apostaron porque sexa sintética, pedagóxica e visual. A intención é que a «xente queira ir vela» e que xere sentimentos. «Hai que trasladar a emoción que xera o templo», asegurou Otzet durante a presentación do a mostra xunto ao reitor do Seminario Maior, Carlos Álvarez, e ao cardeal de Barcelona, Juan José Omella. Este último lembrou que esta iniciativa itinerante permite dar a coñecer a figura de Gaudí nas súas diferentes facetas. Tamén incidiu en que as obras se han financiado con donativos.

Recuperación do claustro

Pola súa banda, o director do Seminario Maior explicou que con esta mostra Gaudí e a Sagrada Familia tamén recuperan o claustro alto de San Martín Pinario, que permanecía pechado desde hai anos. Engadiu que se trata da actividade cultural principal deste ano do centro”, publicou “La Voz de Galicia”.

 

FOTO: Antonio Hernández | O Correo Galego

Versión en castelán