Monseñor Barrio expresa a xornalistas e comunicadores a súa “proximidade, recoñecemento e gratitude” polo seu traballo

  • Carta Pastoral do arcebispo para a Xornada das Comunicacións Sociais, na que asegura que as persoas vinculadas á comunicación ofrecen un servizo esencial nestes tempos de pandemia
  • Convida os xornalistas a achegar luz coa imparcialidade e obxectividade e a tecer historias que constrúan, non que destrúan

Nunha Carta Pastoral con motivo da Xornada Mundial das Comunicacións Sociais, que a Igrexa celebra desde hai corenta e catro anos coincidindo coa Solemnidade da Ascensión, o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, agradece o traballo dos xornalistas e de todas aquelas persoas vinculadas ao universo da comunicación, sobre todo nestes meses de alerta sanitaria do Covid19. O arcebispo, tras lembrar que noutras ocasións celebrábase un “encontro cos comunicadores nese ambiente informal que facilita a conversación e o compartir”, expresa aos xornalistas “a miña proximidade, o meu recoñecemento e a miña gratitude polo voso traballo. Estades a ofrecer un servizo esencial nestes momentos de incerteza pola pandemia, achegando luz a través da obxectividade e a imparcialidade, fronte á escuridade de tantas falsas noticias, rumores sen fundamento ou trolas non ben intencionadas”.

Tamén expresa o agradecemento da Igrexa diocesana pola “atención que estades a prestar á tarefa de Cáritas e á de tantas parroquias, cos seus sacerdotes, os seus voluntarios e os seus axentes de pastoral, porque a Igrexa non estivo pechada nunca. Quizá algúns templos estivesen nestes meses entreabertos, pero as portas da Igrexa diocesana seguiron abertas de par en par, acollendo a cantos se achegaban necesitados material ou espiritualmente”.

Tras convidar os comunicadores a tecer “historias que constrúan, non que destrúan”, monseñor Barrio pide “a Cristo, que é Luz e Verdade, polos que traballan no campo da comunicación, para que El ilumine o voso traballo á hora de escribir nos vosos medios “historias” repletas de verdade, de humanidade e de apertura á dimensión espiritual. Que o Apóstolo Santiago, preparando a celebración do Ano Santo 2021, e  a nosa Nai Santa María vos axuden”.

Versión en castelán