Monseñor Barrio expresa a “proximidade material e espiritual da Igrexa diocesana” ás xentes do mar “nestes momentos especialmente difíciles para todos”

  • Carta Pastoral do arcebispo con motivo da festa da Virxe do Carme
  • “Quizais este ano non teñades a satisfacción de portala nos vosos barcos e paseala polas augas dos nosos mares; pero levádela na alma e acollédesvos a ela”

Nunha Carta Pastoral para a festa da Virxe do Carme, o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, expresa ás xentes da mar a “proximidade material e espiritual da Igrexa diocesana, nestes momentos especialmente difíciles para todos”. Tras lembrar que a Igrexa conmemora este ano o centenario deste apostolado específico para o mar, o arcebispo compostelán asegura que “a Igrexa, samaritana e servidora, da que formades parte, queridos homes e mulleres do mar, está preto de todos”. O lema para a xornada deste ano é “100 anos servindo á xente do mar”. Monseñor Barrio indica, ademais, que “son consciente de que as actuais circunstancias do coronavirus engadiron máis dificultades ás que xa tiñades respecto ao voso traballo e ao seu desenvolvemento. Nese sentido fago miña a reivindicación de que os traballadores do mar sexan considerados con atención especial, tal como pediu ás Nacións Unidas a Christian Maritime Association, uníndose a outras moitas entidades do sector”.

Na súa Carta Pastoral, o arcebispo de Santiago explica que “é evidente que o voso traballo na pesca, no transporte e noutros campos nos que vos vedes concernidos, colabora de modo decisivo ao ben común de toda a sociedade, e por iso debe ser considerado con especial atención por parte das autoridades. Neste sentido son necesarios os mecanismos laborais e de transporte para que as tripulacións poidan ser relevadas e reunirse coas súas familias nas xornadas de descanso que lles correspondan. Penso tamén nos traballadores dos cruceiros, fondeados en distintas partes do mundo, ás veces sen poder desembarcar, ou nos dos barcos de pesca que ven con preocupación o futuro pola xa presente crise económica”.

Por outra banda, monseñor Barrio asegura que “nos anima a todos a nosa condición de fillos daquela que é a vosa patroa e protectora. Quizais este ano non teñades a satisfacción de portala nos vosos barcos e paseala polas augas dos nosos mares; pero levádela na alma e acollédesvos a ela, sabendo que a Virxe do Carme míravos con ollos de Nai e pide por vós ao seu Fillo, que, sentado na barca de Pedro, fundamenta a vosa confianza en que se El vai convosco, a singradura é segura. Poñemos baixo o seu manto a quen perdeu a vida faenando no”mar .

Versión en castelán