Monseñor Barrio falará sobre Proxecto Home nunha serie de Televisión de Galicia

Monseñor Julián Barrio foi entrevistado esta semana polos responsables da realización dun programa dedicado a Proxecto Home, no marco dunha serie sobre fundacións en Galicia que será emitida proximamente por Televisión de Galicia. No curso das súas declaracións, o arcebispo de Santiago lembrou as orixes desta entidade, un referente hoxe en día na loita contra as drogodependencias e a rehabilitación das persoas que afrontan a saída das súas adiccións.

Proxecto Home é unha iniciativa da Igrexa en Galicia. Na década dos anos 80, cando o problema da drogadicción atacaba ferozmente por centos de familias galegas e a droga deixaba de ser unha anécdota para converterse, desgraciadamente, nun elemento de destrución persoal e deshumanización, os bispos galegos decidiron impulsar un programa de rehabilitación e reinserción social para drogodependentes, que xa funcionaba en Italia desde finais dos anos 60 e que en España iniciou a súa andaina no ano 1984.

Deste xeito, o 13 de febreiro de 1990 constituíuse a Fundación Monte do Gozo, promotora de Proxecto Home Galicia, co obxectivo, como consta nos seus puntos fundacionais, de prestar atención integral aos mozos marxinados ou en estado de necesidade, de modo particular aos toxicómanos. Así pois, esta iniciativa xa cumpriu fai tres anos o seu vinte e cinco aniversario de existencia.

Proxecto Home rehabilita cada ano a unha media de trescentas persoas, facilitando a súa integración. Se ao principio da súa existencia a preocupación principal eran as drogas ilegais, hoxe os problemas increméntanse. Alcol ou adiccións novas, como o abuso das modernas tecnoloxías dixitais, son agora materia de traballo para os responsables de Proxecto Home, sobre todo pola súa incidencia entre adolescentes e novas.

Versión en castelán