Monseñor Barrio fai un chamamento á “implicación parroquial” dos laicos na Xornada do Apostolado Seglar

  • Carta Pastoral do arcebispo no Día da Acción Católica, na que pide construír parroquias acolledoras e participativas

Na súa Carta Pastoral no Día da Acción Católica e Apostolado Seglar, o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, fai unha chamada a revitalizar a “implicación parroquial” dos laicos. “Este chamamento á implicación parroquial”, indica o arcebispo, “e a que sexa facilitada polos párrocos e inmediatos colaboradores, vai dirixido a todos pero especialmente aos membros da Acción Católica e de todos os movementos e asociacións apostólicas”. Monseñor Barrio indica, ademais, que “a comuñón eclesial reséntese e o empuxe evanxelizador decae cando non somos capaces de atoparnos na comunidade parroquial, superando as inercias negativas e facendo unha parroquia acolledora e participativa”. Este domingo, solemnidade de Pentecostés, é o día que a Igrexa dedica ao apostolado seglar.

Na súa carta, o arcebispo compostelán lembra que a Igrexa diocesana “está inmersa nun proceso postsinodal, un camiño compartido para poñer o evanxeo e a persoa de Cristo o Señor no centro da vida persoal e eclesial, deixando atrás a rutina que asfixia a alma”. E lembra que “a todos confíasenos o anuncio do evanxeo e o testemuño da nosa fe. Na Igrexa todos somos corresponsables e colaboradores. Se hai algo que facer, o que o ve necesario, está a ser chamado a facelo”. Monseñor Barrio afirma que o compromiso dos laicos “presentes na comunidade parroquial, manterana sensible ás realidades sociais da contorna e urxirán a súa resposta e o seu testemuño, tanto de caridade como de esperanza e de fe”.

O arcebispo convida “desde esta preocupación” a todos os cristiáns comprometidos a facerse “ mediadores do retorno, axudando aos afastados  e decepcionados a desprenderse de prexuízos e de sentimentos, e facilitando a acollida e a participación para que redescubran a alegría do encontro con Cristo. Será necesario coidar e orientar as celebracións de relixiosidade popular cara á recuperación e o retorno á fe personalizada dos visitantes, curiosos e “devotos” que acoden masivamente aos santuarios e celebracións consuetudinarias ao longo e ancho da diocese”.

 

Versión en castelán