Monseñor Barrio indica que Xesús é “o centro da nosa vida” e “o Señor do mundo”

  • Na solemnidade de Cristo Rei o arcebispo sinala que “ao home de hoxe non lle é fácil proclamar a Cristo como Señor”

O arcebispo, monseñor Julián Barrio, presidiu este domingo a Solemnidade de Cristo Rei na compostelá Igrexa conventual de San Francisco. “O ano litúrxico termina con esta solemnidade de Xesucristo, Rei do universo. Somos chamados a velo como o centro da nosa vida e como o Señor do mundo, dixo don Julián na súa homilía. “Ao home de hoxe”, comentou o arcebispo, “non lle é fácil proclamar a Cristo como Señor e recoñecerlle un poder real sobre el. Xesús Rei do Universo non é unha imaxe fixa e inerte, que hai que conservar ao baleiro, senón que crece na comprensión mesma da Igrexa, tamén no medio das cuestións e provocacións xurdidas en cada momento. Nesta perspectiva, o que debemos considerar non é tanto se Cristo Rei reina ou non no mundo, senón se reina ou non dentro de min, da miña familia e da miña contorna; non se a súa realeza está recoñecida polos Estados e polos gobernos, senón se é recoñecida por cada un de nós” “Quen reina dentro de  min, quen fixa os obxectivos e establece as prioridades?”, preguntouse monseñor Barrio.

Na súa homilía, o arcebispo lembrou que San Paulo fala de dous modos de vivir: para un mesmo ou para Deus. “Vivir “para un mesmo” significa vivir como quen ten en si mesmo o propio principio e o propio fin; indica unha existencia pechada en si mesma, orientada só á propia satisfacción e á propia gloria, sen perspectiva ningunha de eternidade. Vivir “para o Señor”, ao contrario, significa vivir por El, por e para a súa gloria, por e para o seu reino. Trátase verdadeiramente dunha nova existencia, fronte á cal a morte perdeu o seu carácter irreparable”, explicou monseñor Barrio.

“Servir, obedecer o Pai e dar a vida foi a actitude de Xesús”, asegurou o arcebispo. E engadiu: “a verdade non é a aparencia externa. Ao final, todos seremos examinados sobre o amor a Deus e ao próximo. O Reino de Deus é en sentido activo a vontade de Deus, en sentido pasivo a aceptación desa vontade pola nosa banda. Veña a nós o teu Reino!, rezamos no Noso Pai. Este Reino está xa entre nós aínda que virá definitivamente. Está presente na Igrexa coa súa Palabra, cos seus sacramentos, co seu Espírito. Debe vir porque moitas persoas non están a ordenar a súa vida conforme á vontade de Deus”.

Versión en castelán