Monseñor Barrio indica que a acollida a migrantes e refuxiados ha de avivar a caridade na Igrexa e o compromiso político na sociedade

  • O arcebispo lembra ante o Día Mundial dos Migrantes e Refuxiados que “é un dereito da persoa buscar mellores condicións de vida para ela e os seus”

O vindeiro domingo día 29 de setembro celébrase a xornada 105 do Día Mundial dos Migrantes e Refuxiados. Nunha carta pastoral dedicada a esta xornada, o arcebispo compostelán lembra que “estamos a comprobar como moitas persoas emprenden viaxes perigosas por terra e por mar para escapar de catástrofes naturais, da guerra e da pobreza, poñendo as súas vidas en perigo”, á vez que indica que “moitos deles enfróntanse non só ás forzas frías da natureza senón tamén á indiferenza política, económica e humana”. Fronte a iso, monseñor Julián Barrio afirma que “a resposta a esta situación ha de ser a hospitalidade, acollendo, protexendo, promovendo, e integrando como nos dicía o Papa o pasado ano na súa mensaxe para este Día”

Monseñor Barrio asegura que “esta realidade require non só unha acción positiva no referente á pastoral desde a perspectiva cristiá, avivando a nosa caridade senón tamén un compromiso político que teña en conta aos migrantes e refuxiados que antes de nada son persoas cuns dereitos para desenvolver e cuns deberes para cumprir”.

O arcebispo avoga por unha solidariedade activa, fronte a unha cultura “empapada polo individualismo e a globalización da indiferenza e do descarte, que nos leva a dar rodeos para non atoparnos co ferido e necesitado”. E lembra que “é un dereito da persoa buscar mellores condicións de vida para ela e os seus. Cada persoa é habitada polo afán de plenitude e o seu corazón é capaz de abrirse cando atopa o testemuño da caridade”.

Ademais, o arcebispo manifesta que “se ha de evitar coidadosamente calquera discriminación relativa ás condicións de remuneración ou de traballo cara aos traballadores quen, procedentes doutra nación ou rexión, contribúen co seu traballo á promoción económica dun pobo ou rexión”.

Indica monseñor Barrio, por último, que “tamén a nosa diocese sente concernida no ofrecemento da hospitalidade a estas persoas”, engadindo que “é relevante o labor que están a facer a Caritas diocesana, as caritas interparroquiais e as parroquiais, no quefacer caritativo-social”.

 

Versión en castelán