D. Julián insta os fieis a dar testemuño da súa fe como “o modo máis fascinante de vivir a propia humanidade”

  • As Solemnes Vésperas do Apóstolo celebráronse en San Martín Pinario

 O arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio, avogou hoxe na súa homilía das Vésperas Solemnes da festa de Santiago por fortalecer o testemuño de fe dos cristiáns en toda circunstancia e situación. “Hai que volver”, dixo, “ao feito cristián fundamental, identificándonos coa persoa e a historia de Jesús, e dando testemuño de que o cristianismo é o modo máis fascinante de vivir a propia humanidade”. Monseñor Barrio asegurou ademais que “Cristo que nos comunicou a vida divina, comprométenos non só como destinatarios da Revelación divina, senón tamén como anunciadores do Evanxeo. A primeira comunidade cristiá vía como o evanxeo ía difundíndose mediante a predicación e o testemuño. O celo dos cristiáns por testemuñar a Cristo, que en moitos casos chega ao martirio é o que fai humanamente posible a fe doutros”.

As Vésperas celebráronse na Igrexa de San Martín Pinario, unha cerimonia na que participou a Capela Musical da Catedral de Santiago, e á que asistiron numerosos fieis. Coas Vésperas pechábase a Novena que desde o día 15 de xullo desenvolveuse na Igrexa de San Francisco.

O arcebispo manifestou na súa homilía que o testemuño cristián debe darse “a pesar das nosas limitacións e debilidades”, pois é o propio Cristo quen “fortalece as nosas débiles forzas para que podamos ofrecer o testemuño. Entender isto axúdanos a poñer de manifesto que o testemuño cristián nunca suple o papel insubstituíble de Cristo a quen hei de remitir sempre a todo o que cre. O espírito misioneiro é un signo claro da madurez dunha comunidade eclesial que non se pode limitar a unha pastoral de mantemento”.

Versión en castelán