Monseñor Barrio insta a colaborar coas obras de caridade do Papa Francisco

O arcebispo lembra que o pontífice axuda a vítimas da guerra, de catástrofes naturais, a refuxiados ou a emigrantes

O vindeiro domingo, día 25 de xuño, a Igrexa celebrará a Xornada pola Caridade do Papa, unha cita na que en todas as parroquias se fará a colecta do Óbolo de San Pedro que o Papa dedica a obras de caridade. Así o lembra o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, nunha Carta Pastoral , na que pide a todos os diocesanos a súa colaboración económica para este fin. Monseñor Barrio lembra que “entre as moitas obras apoiadas pola caridade do Papa neste tempo podemos lembrar, entre outras, as axudas ás vítimas de guerras e catástrofes naturais, a refuxiados e a emigrantes, ás estruturas dalgunhas comunidades católicas e aos centros sanitarios en países pobres”.

Esta Xornada pola Caridade do Papa celébrase ao redor da solemnidade dos apóstolos San Pedro e San Paulo e monseñor Barrio lembra que, “como en anos anteriores, nos unimos ao Papa no exercicio do seu ministerio coa nosa oración e á vez coa nosa axuda económica”.

“Estou seguro”, afirma o arcebispo, “da vosa xenerosidade segundo as vosas posibilidades económicas. A Diocese enviará ao Papa esta colecta que a través del chegará a moitas persoas, reflectíndose esa proxección universal que ten a acción da Igrexa”.

 

Versión en castelán